Os socialistas realizaron esta petición, logo de manter varias conversas con algúns deles, nas que os afectados lles trasladaron “a súa preocupación” e “a enorme incertidume” na que se atopan debido a como están a xestionar os Gobernos do PP a súa enfermidade. “O que está a pasar con este problema é algo que eu nunca pensei ver nunha provincia como a de Lugo, no século XXI. Que unha persoa poida morrer por non lle dar unha pastilla é terceiromundista”, destacou Santín, ao tempo que subliñou que se demostra que “o PP está clasificando aos afectados non pola súa doenza, senón polo tamaño da súa carteira”. A este respecto, a secretaria de Sanidade puntualizou que “se lles digo que a xestión é un auténtico despropósito creo que me quedo curta, pois lonxe de buscar unha solución, o que fan é abocar tanto a eles como ás familias incluso ao peor desenlace”.
Os especialistas estiman que o número de afectados na provincia ronda o 2% da poboación, é dicir, unhas 7.000 persoas; na Comunidade, están identificadas unhas 55.000 e, en todo o mundo este dato sitúase, segundo datos da Organización Mundial da Saúde, entre os 130 e os 150 millóns. Destes, entre 300.000 e 500.000 morren anualmente por enfermidades hepáticas relacionadas con esta patoloxía. Asimesmo, entre un 55 e un 85% das persoas infectadas desenvolven unha infección crónica. E, delas, entre o 15 e o 30% corren o risco de cirrose hepática nun prazo de 20 anos.
Son cifras “alarmantes”, aseguraron, sobre todo, se se ten en conta que a cerrose e o cancro de fígado son as dúas patoloxía que máis suman á hora de facer un trasplante. Por este motivo, os socialistas lucenses pídenlle ao Executivo autonómico que “non escatimen na prevención, pois recortar neste eido supón, nalgúns casos, deixar que a persoa morra ou ter que recurrir a un transplante; un transplante que tampouco é a solución definitiva, pois, dependendo da persoa, pode ser aceptado ou non. É dicir, que o que se pretende aforrar por un lado, se pode gastar polo outro”. E é que o trasplante de fígado, segundo a Organización Nacional do Trasplante, é o segundo máis caro, ao superar os 120.000 euros.
“A saúde como arma arroxadiza”
Santín confirmou que o Partido Socialista xa presentou iniciativas neste eido tanto no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo, obtendo non sempre un resultado satisfactorio, pois, no caso da Cámara de Bruxelas, o PP non apoiou a proposta de Francia, na que se demandaba a creación dunha fronte común para intentar abaratar o tratamento. “Pensamos que, máis alá de ter un problema coa anterior ministra, que tamén, o que aquí hai é un problema de concepción e de criterio do Goberno respecto á cobertura da Sanidade Pública. O PP emprega a saúde como arma arroxadiza. É un tema gravísimo que haxa un medicamento que poida costar, 90, 900 ou 25.000 euros en función donde se prescriba. A Xunta ten que posicionarse xa e dar unha resposta a todos aqueles enfermos que o precisan. Non se pode condenar deste xeito a estas persoas, pois hai tres tratamentos que se aplican os enfermos poden seguir vivindo”, indicou Darya Fernández.
“Resulta incomprensible que en 2015 teñamos que denunciar que o Goberno galego escatima na curación, cando o que deberiamos insistir é na prevención. Non sei como entende o PP gastar 30.000 euros, cando por poñer un exemplo, hai máis dun ano, investían esta cantidade nun proxecto de aeroportos que tamén facía Fomento. É dicir, que o gastaban o mesmo en algo que estaba duplicado”, denunciou a responsable de Sanidade da executiva provincial.
“Inicio de ano negro na Sanidade da provincia”
Asimesmo, os socialistas tamén se referiron á situación actual dos Hospitais lucenses, cualificando este 2015 comou “un inicio de ano negro” para a Sanidade da provincia. En primeiro lugar, porque, tal e como destacou o secretario Provincial, veu precedido “do portazo” que lle deu o Partido Popular á ILP do HULA, defendida por máis de 40.000 persoas desta provincia e a outras medidas como reducir facultativos nos centros de saúde dos concellos de menos de 2.000 habitantes.
”Agora pretenden agasallarnos aos lucenses dicindo que prevé manter os prazos da ILP. Agardamos que así sexa, e que isto non se deba a que hai unhas municipais, porque semella que en período electoral o PP trata a Sanidade doutra maneira”, sinalou.
E, en segundo lugar, polo colapso masivo do HULA e dos outros dous hospitais da provincia; un colapso que, por certo, non chegou ao seu fin, pois os especialistas calculan que o pico da gripe non chegará ata dentro de dúas semanas. “Lémbrolle ao Partido Popular que, cando comezou a gobernar, non paraba de usar aquela frase tan manida de facer máis con menos, pois todos sabemos, e non fai falta ser médico e un gran economista, que con menos se fai menos, e que isto nos leva a que haxa máis saturación e máis colapso. Iso si agora semella que o presidente da Xunta se desculpa. A culpa sempre é dos demais. Dende que Rajoy e Feióo gobernan a culpa sempre a ten outro: tíñaa Zapatero, tíñaa Touriño, tíñaa Almunia e agora tena a gripe. Sempre a ten alguén, o caso é non asumir as responsabilidades”, denunciou Santín.
Por este motivo, pídenlle aos deputados do PP da provincia “seriedade e responsabilidade”, agardando que, xa que non foron capaces de facelo coa ILP, desta volta intercedan perante o Presidente da Xunta, por certo, un político que ademais vén do mundo da Sanidade, para que se poña freo a esta situación, derivada en boa parte do recorte de profesionais, así como do peche de servizos e de ducias de camas”.