Burela, 30 de xaneiro de 2015. As obras de acceso ao porto burelés, que suporán o desprazamento da vía do tren, retomaranse dentro dunhas semanas. Así o asegurou hoxe o alcalde, José Mª González Barcia, tras a xuntanza que mantiveron nas últimas horas técnicos de Adif coa asistencia técnica de Copasa, a empresa que executa eses traballos. A reunión foi a concluínte e o único trámite pendente é a sinatura da autorización pertinente por parte de Adif.
O rexedor contou que “no día de onte, xoves, en Oviedo celebrouse unha reunión importante para as obras do acceso ao porto de Burela. Estaban técnicos de Adif Rede de Ancho Métrico, que é o organismo competente agora na liña de ferrocarril de vía estreita que pasa por Burela, e tamén estaban representantes de GOC, a asistencia técnica da empresa Copasa, que é a construtora da obra do acceso ao porto”.
González Barcia dixo: “como xa comentei en reiteradas ocasións, durante estes últimos dous ou tres meses se estiveron mantendo reunións entre a asistencia técnica e Adif Rede de Ancho Métrico para perfilar cuestións de carácter fundamentalmente técnico, tendo en conta que, como se sabe, na obra do acceso ao porto vaise producir un desprazamento da vía do tren e ademais hai que ter en conta que o terreo no que se vai traballar ten unhas condicións xeotécnicas un tanto inestables: é brando, moi húmido, cunha proximidade ao mar importante, hai unha limitación de espazo. Polo tanto as cuestións que están vinculadas coa seguridade da liña de ferrocarril hai que telas completamente perfiladas, non soamente no que se refire á seguridade dos usuarios desta rede pública de transporte durante as obras senón que tamén se garanta a seguridade dos usuarios da liña de ferrocarril cando a obra quede rematada e a vía quede xa asentada na súa situación definitiva. Aquí estamos falando de temas importantes e dun asunto moi serio, de aí que as reunións se prolongaran durante todos estes meses”.
Segundo o alcalde burelés “a reunión de onte, xoves, pode considerarse como a concluínte. Eu entendo, pola información que me ten trasladado a asistencia técnica, que a partir de aquí falta o último trámite, que sería a firma da corresponde autorización pola parte competente en concedela, que é Adif Rede de Ancho Métrico. A partir de aí xa se podería retomar a obra con total normalidade, sempre e cando o tempo o permita e non haxa grandes chuvias que dificulten o traballo da maquinaria pesada na obra”.
José Mª González Barcia insistiu en que “sempre dixen que desta vez a obra do acceso ao porto vai e volvo ratificalo. Tamén en todo momento se dixo a verdade sobre o que estaba pasando. Houbo xente que filtrou, de forma creo que malintencionada e incluso nalgúns casos con mala fe, que a obra se volvera parar, que se fixera a fotografía e que non se volvía retomar. Iso, teño que reiterar unha vez máis, que é totalmente falso. Quen estaba trasladando esa información o único que pretendía era confundir aos cidadáns. En todo momento eu, como alcalde, e dende o equipo de goberno dixemos a verdade: que mentres non se concretaran esas cuestións de tipo técnico enormemente importantes porque, como acabo de dicir, está en xogo a seguridade xa non só da liña do ferrocarril senón a das persoas; é dicir, non pode facerse unha obra que despois teña algún indicio de risco de accidentes”.
E volveu trasladar “a total tranquilidade aos veciños e veciñas de Burela e quero dicirlles que a obra vai saír adiante, como non podía ser doutro xeito, e que no momento en que se reciba a pertinente autorización, que eu espero e confío que sexa nun prazo de 15 días, a empresa loxicamente retomará os traballos para que esta obra tan demandada polo noso concello e polo conxunto da poboación de aquí, de Burela, sexa unha realidade canto antes”.