Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito da presentación da campaña #Ribadeoxqsí na Casa de Galicia

acto-ribadeoxqsiRibadeo, 30 de xaneiro de 2015. A Casa de Galicia, en Madrid, acolleu na noite do xoves a presentación da campaña de promoción turística #Ribadeoxqsí e a nova web turismo.ribadeo.org.

O acto, que desde o Concello cualifican de éxito, reuniu a centos de persoas que quixeron achegarse a Ribadeo, aos seus atractivos e ás súas xentes acudindo a esta cita, que deu comezo coa intervención do alcalde, Fernando Suárez, da concelleira de Turismo, Ana Martínez, do presidente de Acisa, Roberto Ramos, e do director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

O rexedor dixo: “creo que falar da evolución turística de Ribadeo nos últimos anos supón dicir que Ribadeo sempre foi un lugar turístico e aberto a todo o mundo, pero tamén é certo que nos últimos anos estamos a recibir unha mensaxe clara que é que Ribadeo esperta interese por moitos motivos, e non só me refiro ao interese que causou hai tres meses porque o pequeno Nicolás estivese por alí, senón tamén porque temos moitas máis cousas. Temos patrimonio e temos unha natureza que non se esmagou hai anos con esa burbulla inmobiliaria que pasou por toda A Mariña. Aquí por sorte, e por capacidades nosas e dos anteriores gobernos, fixemos posible entre todos que Ribadeo sexa hoxe en día o motor comercial e turístico sen dúbida da Mariña e da parte norte de Galicia. Estamos absolutamente convencidos disto”.

Suárez Barcia subliñou que “temos un tesouro que non coñecíamos ata hai uns cantos anos, pero que hoxe se converte nun dos principais motores turísticos. É a praia de Augas Santas, a praia das Catedrais, recoñecida non só por nós aínda que digamos sí porque sí e a campaña se chame #Ribadeoxqsí, senón porque numerosos portais de internet que moven millóns de usuarios e ciber navegantes, portais coma Tripadvisor, digan que é unha das mellores praias do mundo que reiteradamente ano tras ano ocupa un dos primeiros postos neste ranking. Que teñamos ademais desa praia, un casco antigo nun proceso continuo de rehabilitación para poñer moderno o que é antigo e que se debe conservar e preservar, sendo fonte ademais de moi boas críticas pola xente que alí se achega. Críticas tan boas coma aquelas que noutras páxinas de internautas nos poñen coma o segundo lugar do Estado onde a calidade dos nosos hoteis e servizos compiten en rivalidade e calidade con cidades e pobos que levan decenios traballando neste sector”.

Na Casa de Galicia o alcalde ribadense dixo que este concello aspira “ao que aspira todo o mundo: á desestacionalización. A que non se masifique o turismo durante 20 días en agosto, senón que teñamos turistas todos os días do ano. Estamos a traballar para logralo, para facer que Ribadeo sexa atractivo, para conseguir que non se masifique e para facer eventos durante todo o inverno con conferencias, para facer que o turismo non sexa só flor dun día ou dun verán”.

O Concello presentou en Madrid a campaña de promoción turística #Ribadeoxqsí e a nova páxina de turismo: turismo.ribadeo.org para que “cando alguén pinche en Turismo Ribadeo saiba o que pode facer, onde pode comer, onde pode durmir, que pode facer por un día ou por catro. Darlle todo mallado para que os touroperadores que se fixen en nós o teñan doado, para que as familias que queiran ir a Ribadeo o teñan fácil e para ao mesmo tempo aproveitar as novas tecnoloxías para achegarnos un pouco máis ao mundo”.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, destacou as múltiples posibilidades que o viaxeiro pode atopar cando chega a Ribadeo: “unha tarde na ría, un paseo por Piñeira, un atardecer no faro, unha marea embravecida, un concerto, o teatro, as habaneras, os Indianos, as nosas xentes… en fin, Ribadeo. Un Ribadeo que ofrece a posibilidade de vivir grandes momentos. Somos destino auténtico con cultura e identidade propia, que sempre soubo innovar e ser un abandeirado no seu tempo. Hoxe queremos seguir a ser innovadores, mostrando o noso destino e as consignas deste tempo”. E engadiu: presentamos hoxe esta campaña co hashtag #Ribadeoxqsí, que será o guión e a estrutura clave para a presentación da páxina web que imos ver tamén. Unha páxina que a presentamos en tres idiomas: galego, castelán e inglés, tres idiomas a través dos cales queremos ir mostrando os grandes motivos polos que podemos visitar Ribadeo. Porque sí temos un Ribadeo natural, porque sí temos un Ribadeo cultural, tamén temos un Ribadeo vivo e englobamos coma un dos motivos un Ribadeo próximo”.

A carón do alcalde, da concelleira de Turismo e do director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, estivo o presidente de Acisa, Roberto Ramos, que sinalou: “en primer lugar quería felicitar y agradecer al Concello desde la Asociación y en nombre de todos nuestros socios, esta campaña de #Ribadeoxqsí y este esfuerzo que han hecho también para crear esta web turística. Creo que no es un paso más, sino que es un salto exponencial el que se va a dar a partir de ahora y que significará una potenciación de Ribadeo como destino turístico de primer orden. Dentro de los presentes avales de los que disponen nuestros asociados, lo cual es una alegría por mi parte, quiero hablar de ellos porque son el verdadero músculo de nuestra Asociación. Su profesionalización y su empeño en los últimos años ha sido el motor del éxito turístico en Ribadeo. Actualmente disponemos de más de 1.500 plazas hoteleras, tenemos un potente comercio profesional y cercano, tenemos una restauración al más alto nivel y disponemos también de una incipiente oferta de actividades de turismo activo”.

No acto fixéronse conexións a través da rede con ribadenses que se atopan traballando e vivindo en diversas partes do mundo como Londres, Texas, New Jersey, Montevideo e Lugano, entre outros. A continuación tivo lugar un cóctel servido por tres restaurantes ribadenses e a noite rematou cun photocall no que os asistentes posaron con imaxes típicas de Ribadeo e co slogan da campaña de promoción #Ribadeoxqsí.

Ata a Casa de Galicia se achegaron o Marqués da Ría de Ribadeo, Leopoldo Calvo-Sotelo Ibáñez, a presidenta da Fundación Herederos de la Mar, Marisol Moreda, varios membros da Corporación Municipal de Ribadeo, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, e o presidente de honor de Intemac e fillo adoptivo de Ribadeo, José Calavera Ruiz, ademais de empresarios e hostaleiros ribadenses, entre outros.

Exit mobile version