Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía e Industria impulsa os investimentos e a competitividade das PEMES lucenses con novas liñas de axuda

Lugo, 16 de xaneiro de 2015.-O director do Igape, Javier Aguilera, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron este venres nunha xornada técnica desenvolvida en colaboración coa CEL, as novas axudas activadas pola Consellería de Economía e Industria para reforzar os investimentos, a competitividade e a internacionalización das pemes, que suman 6,5 millóns en apoios que prevén especial intensidade na provincia.

Durante a xornada, na que participou tamén o secretario xeral da CEL, Jaime López Vázquez, Aguilera resaltou que as novas convocatorias fan posible que os emprendedores e as pemes da provincia de Lugo dispoñan de instrumentos e axudas adecuadas para impulsar os seus proxectos empresariais, que contribuirán á reactivación da economía galega, traballando ademais de cara á consecución da Industria 4.0 que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.

Pola súa parte, Arias salientou que o propósito do Goberno galego é procurar que ningún emprendedor que teña un proxecto viable deba renunciar a poñelo en marcha por falta de axudas, e que ningún empresario que queira medrar, saír ao exterior, crear máis emprego e, en definitiva, riqueza en Galicia, deba renunciar por falta de apoios.

Entre as novas liñas activadas, o director do Igape resaltou o programa que mobilizará preto de 10 millóns de euros para apoiar a emprendedores ou pemes que aposten por renovar os seus equipos produtivos para mellorar a súa competitividade. No caso de Lugo, os beneficiarios contarán con subvencións un 5% superiores ás que lles corresponderían aos mesmos proxectos se fosen desenvolvidos noutras zonas de Galicia.

No eido da internacionalización, as empresas lucenses tamén poderán acadar subvencións un 5% superiores ás da maioría das comarcas, ao abeiro da convocatoria para facilitar a contratación de xestores expertos en comercio exterior. Os apoios poden cubrir ata o 95% do salario neto dos expertos contratados ao amparo desta liña. Tamén no eido do comercio exterior, o Igape vén de convocar apoios para que as empresas do sector téxtil desenvolvan as súas estratexias de promoción e internacionalización.

Para facilitar a mellora da competitividade das empresas, o Igape vén de poñer en marcha ademais, por primeira vez, un programa para incentivar a formación de capital humano favorecendo a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias pemes, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos.

Por último, a estes programas se lles suman as bolsas do programa ReAcciona, que permitirá a 100 novos titulados obter formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán en 2015 en máis de 300 empresas.

Exit mobile version