Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebra a segunda reunión organizativa do Entroido 2015

Burela, 31 de xaneiro de 2015. O salón de plenos do Concello de Burela acollerá o vindeiro luns, 2 de febreiro, unha nova reunión entre o alcalde, a concelleira de Cultura e os colectivos locais participantes no Entroido 2015. O obxectivo desta xuntanza é cerrar definitivamente o programa de actos, que este ano terá coma gran novidade a celebración dun baile de disfraces o luns 16 de febreiro.

Mónica Pedre anunciou que “este vindeiro luns ás 20:00 horas terá lugar a reunión anunciada no seu día para cerrar o programa de actos do Entroido 2015 de Burela. A esta xuntanza están invitadas tódalas asociacións e colectivos do municipio, teñan ou non asistido á reunión anterior, que tivo lugar a semana pasada. Evidentemente agradecemos, xa de antemán, a presenza dos colectivos e a súa colaboración para sacar adiante o programa do Entroido deste ano. Na reunión pretendemos que quede perfectamente definido o programa de actos, que en principio non debería variar moito con respecto ao esbozado no encontro da semana pasada; e ademais queremos que queden concretados os colectivos e as persoas que van colaborar na organización dos distintos eventos que se engloban dentro do programa do Entroido”.

A concelleira de Cultura engadiu que “dende o Concello pretendemos facer un Entroido o máis digno posible, tendo en conta a situación actual e sabendo que o Entroido de Burela cada ano dá un paso máis adiante. Este ano démolo coa incorporación no programa de actos dun baile de disfraces para o luns 16. Trátase dun paso importante que esperemos lle dea máis auxe ao noso Entroido”.

Exit mobile version