A expansión do eucalipto, consecuencia dun modelo forestal e territorial perverso
O aumento do cultivo do eucalipto vén da man do abandono agrario e do declive do medio rural galego. A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional, de implicación ambiental e social orquestada dende a administración (“El mundo rural está condenado a desaparecer”, Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural dixit) fai que o destino de moitos montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente do eucalipto, substituindo de paso ás frondosas autóctonas.
A recente lei de montes galega (Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galiza), aprobada en solitario polo PP, é unha desas normas favorecedoras dos monocultivos e está detrás dun repunte das plantacións de eucalipto.
Kit de resposta fronte ás plantacións ilegais de eucaliptos
Dentro da campaña “Cousa de Raíces” en defensa dos nosos bosques autóctonos, promovida por ADEGA outras 50 organizacións sociais e gremiais, queremos dar resposta ás numerosas consultas e denuncias de plantacións de eucaliptos. Moitas destas plantacións nen sequera cumpren cos mínimos legais, de xeito que mediante unha denuncia podemos esixir da Xunta o cumprimento da norma e, como xa ten acontecido en moitos casos, conquerir a retirada dos eucaliptos plantados ilegalmente e a súa substitución por frondosas autóctonas.
Entendemos, como propugna a campaña “Cousa de Raíces”, que son a divulgación e a concienciación do valor e as oportunidades vencelladas ao mantemento dos bosques autóctonos, as ferramentas máis efectivas para promover a súa conservación. Porén, este ”Kit de resposta rápida” pretende ser un instrumento útil para salvagardar aquelas masas ameazadas por plantacións de eucaliptos, mediante a denuncia de actuacións ilegais.
Á marxe das actuacións que calquera particular ou entidade queira desenvolver usando este “kit”, en ADEGA seguiremos recollendo, trasladando á administración e denunciando aquelas cortas ou plantacións ilegais que ameazan a supervivencia das nosas frondosas autóctonas.