Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación mellorará en Foz a estrada que une as parroquias de Nois e Cordido

depu-estrada-fozA Deputación mellorará en Foz a estrada provincial LU-P-2007. É a vía que une as parroquias de Nois e Cordido, que contan cun milleiro de veciños, así como unha das máis transitadas da zona. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, que supervisou o seu estado, adiantou que a institución executará con fondos propios un plan integral que suporá a mellora dos 5 quilómetros deste vial.

O conxunto de actuacións que se levarán a cabo consistirán no acondicionamento da calzada con rego asfáltico, mellora da canalización, así como da sinalización vertical e horizontal, e limpeza de cunetas. Tamén se incrementará a seguridade coa colocación biondas.

Técnicos provinciais do Parque Móbil encargaranse da realización destes traballos dentro da aposta da Deputación polo impulso do público e a optimización dos recursos para o aforro de custes.

Pontes do Apeadero e da Carreira
En Nois, Gómez Besteiro comprobou o estado de varias pontes, que fan de paso superior sobre a liña do ferrocarril, onde a Deputación estudará a posibilidade de realizar melloras coa colaboración de FEVE. Trátanse da Ponte do Apeadero, onde o obxectivo é incrementar o seu ancho, e da Ponte da Carreira, onde a previsión é acondicionar na marxe dereita o acceso á estrada paralela a FEVE dende esta infraestrutura, reducindo o desnivel. Deputación e FEVE ampliaron o ancho desta última ponte mediante un convenio de colaboración de 110.000 euros.

Exit mobile version