Lara Méndez destacou durante o acto que nos últimos anos os permisos de marisqueo a pé foron reducidos de xeito “máis que notable” pois “a comezos do 2000 esta actividade contaba con máis de 160 traballadores na Mariña mais, actualmente, so hai 56 mariscadoras e mariscadores na provincia”. A Vicepresidenta informou tamén que “atendendo as peticións do veciños solicitadas nos Orzamentos Participativos, os primeiros dunha Deputación en España, ofrecemos unha nova liña de axudas a pesca de baixura, por valor de máis de 150.000 euros”. Con esta achega o organismo provincial busca recuperar e por en valor o marisqueo, unha actividade tradicional da costa de Lugo e que en tempo de crise pode axudar a crear novos postos de traballo e fixar poboación, segundo informou Méndez.
O anterior goberno provincial só colaboraba coa confraría de pescadores do Vicedo. Actualmente, esta axudas foron ampliadas, convertendo á de Lugo na única Deputación en Galicia en colaborar coa totalidade de confrarías existentes na costa da provincia. Estas son: Confraría de Pescadores do Vicedo; Confraría de Pescadores Santiago Apostol de Celeiro; Confraría de Santa María do Campo de Ribadeo; Confraría de Pescadores de Burela; Confraría de Pescadores San Ciprián; Agrupación de Mariscadores San Cosme de Barreiros e Confraría de Pescadores de Foz.
Programación para a xornada
A XII Festa do Berberecho comeza o mércores, 21 de xaneiro, cando haberá unha xornada de exploración a cargo dun Biólogo Na Ría de Foz, destinado a rapazas e rapaces de secundaria. O venres, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas será a inauguración oficial da festa coa lectura do pregón, que será a cargo do profesor da Escola de Hostalaría do IES de Foz, Jesús Liste Otero. Ao remate, haberá unha actuación do grupo Mar Aberto. O sábado 21 terá lugar, na carpa no Peirao de Foz, un servizo de comidas a prezo popular, 4 euros por ración, composta pola empanada, berberecho a mariñeira, ao vapor e con fabas de Lourenzá; nun horario de 12.00 a 15.30 horas e de 18.00 a 23.00 horas. A xornada estará amenizada con musica tradicional e baile a cargo dos grupos A Subela e O feitizo. Ás 20.00 horas haberá o III Certame de Cantos de Taberna. Por último, o domingo, haberá degustación de berberechos de 12.30 a 14.00 horas, que estará amenizada por diversos grupos de música tradicional e folk.
I+D+i no sector
Outra das iniciativas da Deputación, encamiñadas e continuar potenciando o sector pesqueiro na provincia, é o convenio de 30.000 euros asinado coa Universidade de Santiago de Compostela coa que se crearon, a través dun proxecto pioneiro a nivel mundial, derivados de pescado, incrementando o volume de negocio do sector e impulsando a xeración de postos de traballo. O organismo provincial continúa apostando pola investigación e desenvolvemento de novos proxectos para modernizar estes sectores, claves para non so para a provincia de Lugo, senón para o país.