Lugo, 30 de xaneiro de 2015. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres as bases para a concesión de axudas a clubes deportivos e concellos da provincia de Lugo en réxime de concorrencia competitiva. En total, destinaranse 630.000 euros para a promoción do deporte, dos que 500.000 van directamente a equipos e clubs deportivos de base e 130.000 van destinados a colaborar cos concellos. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, explicou que, “pese á crise, mantemos as mesmas cantidades do ano pasado porque nin os clubes de base nin as persoas que practican deporte na provincia de Lugo non teñen culpa ningunha desta crise”. Só nos últimos catro anos, a Deputación de Lugo investiu máis de 9 millóns de euros en deporte na provincia de Lugo, explicou Veiga, o que a converte na Deputación de todo o Estado que máis inviste en deporte por habitante.
O vicepresidente da Deputación entrou a definir as bases polas que se concederán as axudas, que se aprobaron esta mañá en Xunta de Goberno e que sairán publicadas no BOP nos vindeiros días. Desta maneira, o prazo para solicitar estas axudas estará aberto dende o 9 de febreiro ao 9 de marzo.
Antonio Veiga destacou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que “a Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Deportes, mantivo durante estes últimos 4 anos as axudas, e a intensidade das mesmas, tanto aos concellos como as entidades sen ánimo de lucro da provincia. En total 2.520.000 euros como suma das últimas 4 anualidades, distribuidos en mais de 600 axudas por ano pertencentes a tódolos concellos da Provincia de Lugo, o que permite que se realicen actividades vinculadas a mais de 50 modalidades deportivas que abranguen desde o fútbol ou o baloncesto até outros con menos participantes como pode ser o ácuatlon, o billar ou a ximnasia rítmica”, detallou o vicepresidente.
Sumando as axudas a asociacións culturais, tamén dependentes da Vicepresidencia, Veiga explicou que “son máis de 1.200 as axudas concedidas cada ano polas áreas de Cultura e Deportes para colaborar con asociacións culturais e clubes deportivos da provincia de Lugo, aos que destinamos máis de 5 millóns de euros nesta lexislatura. Somos o verdadeiro sostén de todo este tecido asociativo, que cremos moi importante nunha provincia como a de Lugo, mais tendo en conta as características demográficas da provincia”, dixo.
Veiga comparou a “total colaboración da Deputación coas asociacións culturais e clubes deportivos” cos “recortes que ano a ano a Xunta de Galiza aplica neste eido, onde acaban de sacar aínda as axudas do 2014, cun ano de retraso”. “A Deputación inviste o triplo que a Xunta e faino en prazo”, contrapuxo o vicepresidente.
Democratizar o deporte e a cultura
Tal e como explicou Antonio Veiga na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno celebrada hoxe, “mantemos o mesmo orzamento e todas as liñas de axudas que o ano pasado polo compromiso co apoio ao deporte de base e á dinamización da actividade deportiva desde abaixo. Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares, que contan cun réxime fiscal diferente. Isto contrasta coa política doutras administracións que reducen drasticamente os seus investimentos en deporte, como fai a Xunta de Galiza saltando convocatorias de axudas dun ano a outro”.
Veiga reafirmou que “con estas axudas democratizamos o deporte de base, todos os equipos e agrupacións deportivas da provincia poden beneficiarse destas axudas, tanto para a organización de actividades deportivas de natureza competitiva ou non competitiva e levar a cabo eventos deportivos. É fundamental que todas as persoas teñan acceso ao deporte independentemente da modalidade que sexa e do concello onde o practique”.
Baremos públicos e obxectivos
Antonio Veiga tamén explicou que todas estas axudas concedidas “son froito dun proceso aberto con total transparencia a todos os clubes de base e concellos da provincia” e que “todas as solicitudes presentadas que cumpren cos requisitos recollidos nas bases que serán publicadas no BOP nos vindeiros días teñen axuda en base á puntuación obtida por cada solicitude en función de criterios obxectivos”. “Desde o ano 2008 que nós estamos hai baremos obxectivos, públicos e transparentes, para a concesión de todas as axudas públicas das áreas de Cultura e Deportes; antes de que nós chegaramos non era así, polo que ningún clube da provincia se pode sentir maltratado por esta Deputación”, lembrou.
Coas cifras desta convocatoria na man, Antonio Veiga afirmou que “a Deputación de Lugo é o sostén do deporte de base no conxunto da provincia de Lugo, ratificando a nosa aposta polo apoio deporte de base, un dos nosos principios desde que adquirimos responsabilidade de goberno nesta institución”. As axudas ascenderán concretamente a 630.000 euros, dos cales 500.000, unha gran parte do orzamento, irá destinado para as entidades deportivas e clubs da provincia, que “potencian a descentralización do deporte, fomentan actividades saudables no tempo de lecer, así como a creación de emprego e a dinamización económica”, destacou o vicepresidente.
Principais liñas de actuación, contías e gastos subvencionables
1. SUBVENCIÓNS DESTINADAS A ENTIDADES ASOCIATIVAS E CLUBES DA PROVINCIA DE LUGO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS NA ANUALIDADE 2015.
Ten un orzamento total de 500.000 euros.
A)Categoría de axudas á actividade competitiva, o importe máximo da axuda será de 8.000 euros. Os gastos subvencionables serán:
– Arbitraxe
– Gastos de transporte
– Gastos federativos
– Canons.
B) Categoría de axudas para a organización de eventos deportivos, o importe máximo da axuda será de 4.000 euros. Son gastos subvencionables:
– Gastos de recursos materiais.
– Gastos de persoal ou vinculado ao persoal
– Gastos de funcionamento
– Gastos de medios e materiais técnicos
– Primas de seguros
– Gastos de publicidade, P e RP.
C) Categoría de axudas para actividades deportivas, o importe máximo de axuda será de 8.000 euros. Son gastos subvencionables:
– Gastos de persoal
– Gastos de material didáctico – deportivo
– Gastos de vestimenta deportiva
– Primas de seguros
– Gastos de publicidade, P e RP
2. SUBVENCIÓNS DESTINADAS A GASTOS CORRENTES DE PROMOCIÓN DEPORTIVA REALIZADOS POR CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO”. Dispón dun orzamento de 50.000 euros, distribuido en dúas grandes liñas:
A) Eventos subvencionables até 2.500 euros.
B) Actividades deportivas de carácter permanente, subvencionables até 5.000 euros.
3. SUBVENCIÓNS DESTINADAS A INVESTIMENTOS EN INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E PARA EQUIPAMENTOS DEPORTIVOS REALIZADOS POR CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO”. Conta cun orzamento de 80.000 euros, a distribución é a seguinte:
A) Investimentos para instalacións deportivas até 6.000 euros.
B) Adquisición de equipamento deportivo inventariable até 3.000euros
A cuantía mínima a percibir será de 300 euros.
Un 5% do custo da actividade subvencionada deberá ser financiada con recursos propios.