CADERNOS DA VIAXE. Partillo con Podemos en que non existe, na nosa Galicia, un problema social máis grave ca garantirlle vivenda digna aos despexados ou subministración eléctrica abonda á cidadanía que evite a pobreza enerxética. Sen dúbida son os problemas da exclusión social os prioritarios. Mais…
Mais a garantía do benestar para a cidadanía galega non depende só da grande mutación institucional e política que propón Podemos. Tamén depende en grande medida da saúde da nos economía. A queda das erndas agrarias, a crise do naval, a imposición dunha tarifa enerxética discriminatoria para os nosos consumidores e industrias malia aturar os custos ambientais de producir a electricidade…xeran subemprego, desemprego, pobreza. A desindustrialización de Galicia xera pobreza e exclusión social.
Entón, ten razón Anxo Quintana cando expón, nesa xeira de palestras que está a desenvolver ao longo e largo do País, que Pablo Iglesias de Presidente do Goberno do Estado non garantiría o pulo da nosa economía e do noso benestar. Porque os alicerces da economía galega (lácteo, naval, pesca e acuicultura, enerxía, forestal e madeira…) non son os alicerces da economía española. O que é estratéxico para Galicia é prescindíbel para España. Xa que logo, por moi boa intención que puxer Pablo Iglesias (na que acredito) non poderá desenvolver políticas que beneficien a economía galega, tendo en conta que somos o 5% PIB e o 6% da poboación, sen tensións cos operadores económicos dos sectores que nsi son cruciais para a economía española. E aí contamos pouco. Precisamos da forza da nosa identidade, da nosa diferenza.
Velaí que a experiencia de Podemos sexa tan prometedora para outros territorios e mesmo para un mellor encaixe de Galicia no Estado. Porque por primeira vez o galeguismo político pode ter un interlocutor razoábel no Estado. Un interlocutor que recoñece a plurinacionalidade española e está disposto a un proceso constituínte.
Mentres, na Galicia seguimos precisando dun relato de noso que xunga o rexeneracionismo social e institucional cun proxecto de País que serva ao progreso da nosa economía para garantirmos o benestar da cidadanía galega. E ese relato só pode vir fornecido dende o galeguismo político, dende unha opción xenuinamente nacional que constrúa dende a inclusión, a cohesión social e a transparencia.
Xoán Antón Pérez-Lema