Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares critican que “Besteiro segue sen dar resposta a ningunha das preguntas formuladas polo GPP sobre a Operación Pulpo”

Lugo, 1 de decembro de 2014.- O Presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, segue sen dar resposta a ningunha das preguntas formuladas polo Grupo Provincial Popular sobre a denominada operación Pulpo, que trouxo aparellada a intervención e rexistro xudicial das oficinas da institución durante máis de once horas.

Os populares, a través da súa portavoz, Elena Candia, formularon unha serie de preguntas no pleno extraordinario -forzado a solicitude do PP- despois de que no anterior pleno ordinario Besteiro non permitira a intervención dos grupos da oposición, escudándose no regulamento.

Unha vez máis Besteiro non aclarou ningunha das dúbidas enunciadas polo PP, tal e como puideron comprobar os medios de comunicación presentes na sala, e se limitiou a facer valoracións xenéricas e difusas e a parapetarse nas intervencións dos portavoces da oposición plagadas de descalificacións persoais e ningunha explicación.

A XUSTIZA INVESTIGA GRAVES DELITOS
Candia sinalou que destrás dos rexistros hai unha investigación xudicial moi seria, que pón en evidencia a imaxe da institución e a xestión e a transparencia de Besteiro e lembrou que son obxecto de investigación presuntos delitos de tráfico de influencias, fraude, exaccións ilegais, prevaricación e malversación de caudais públicos, en áreas de competencia directa do Presidente

Os populares insisten en que Besteiro comparece pero non responde, e anuncian que seguirán empregando todos os medios ao seu alcance para que Besteiro dea resposta, entre outras, as seguintes preguntas que, no seu teor literal eran as seguintes:

PREGUNTA 1
• Cando tivo vostede constancia da existencia de problemas no departamento de Protocolo, en concreto, na xestión do programa Km0?
• No momento que tivo constancia destas presuntas irregularidades, ¿Qué actuacións puxo en marcha para que estas se resolveran?

PREGUNTA 2
En relación co sistema de pagos que se empregaba na xestión do Km0:
• E certo que o departamento facía uso habitualmente dunha caixa forte? Ese uso estaba autorizado por vostede?
• Ademais a información que se explicou con toda claridade nos medios de comunicación -e que ninguén desmentiu – falaba do uso de grandes cantidades de diñeiro en metálico. ¿Autorizou vostede a unha persoa da súa confianza para esta retirada que non era nin Secretaría nin Intervención?
• ¿Pode confirmar a cantas persoas ten autorizado vostede, para realizar disposicións de diñeiro en efectivo a cargo da Deputación de Lugo?
• Nun medio de comunicación falábase de que o diñeiro acababa en sobres que lles daban a quen ían de encargados nas excursións. Coñecía vostede isto? E dicir, coñecía vostede o recorrido do diñeiro da caixa forte a sobres?

PREGUNTA 3
En relación cos pagos do Km0:
• Pode confirmarnos que efectivamente había unha correspondencia total e absoluta, matematicamente exacta, entre o facturado e o gasto real efectuado nos establecementos hostaleiros e de ocio desta provincia? Hai unha correspondencia entre o facturado e o pagado?
• Ten constancia da existencia de protestas dalgún establecemento ou particular ante esta institución porque o gasto real non se correspondía coa factura?

PREGUNTA 4
• Houbo manobras xurídicas, entre elas a modificación ad hoc da relación de postos de traballo, para que algún traballador desta casa, cuxo posto de traballo tiña unha característica eventual e de confianza directa do Presidente, teña hoxe unha estabilidade laboral con melloras nas súas condicións?

PREGUNTA 5
No mesmo día do rexistro facíase puntualización de que o mesmo se estendía á Área de Vicepresidencia, a Deportes.

• Está a ser investigada a financiación ao C.B. Breogán?

PSOE E BNG CÓMPLICES DO SILENCIO DE BESTEIRO
Os populares lamentaron tamén o papel desenvolvido por PSOE e BNG cuxos portavoces serviron de cómplices ao silencio de Besteiro pero tampouco aproveitaron a súa quenda para aclarar ningunha das cuestións formuladas.

No caso do PSOE, nunha intervención cargada de descalificacións, o seu portavoz limitouse a falar da operación Z, esquecendo que o obxecto do pleno extraordinario e monográfico eran as irregularidades da Deputación de Lugo –de cuxo Goberno el forma parte-. Os populares lembran que a diferenza do que acontece en Lugo na operación Z, a Xunta é a parte denunciante e non a investigada.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN
Candia lembrou que en abril do ano 2013, Besteiro rexeitou a creación dunha dunha comisión de investigación solicitada polo PP; que pediron porque naquel intre investigábanse presuntos delitos de acoso e malversación. Hoxe, xa estamos falando de: tráfico de influencias, exencións fiscais, malversación e prevaricación.

Insistiron os populares que Gómez Besteiro está obrigado a dar explicacións, como máxima autoridade do Organismo Provincial. Explicaron que baixo a lente da Xustiza, están os departamentos de Protocolo, Comunicación, Fondos Europeos e Deportes (departamentos que teñen dependencia directa do presidente). Engadiron desde o PP que os socios de Goberno de Besteiro, tamén están na obriga de render contas á cidadanía

Finalmente os populares aclararon que sempre serán respectuosos cos principios de presunción de inocencia; e que o que queren é que a Xustiza faga o seu traballo, pero insistiron en que Besteiro ten que asumir a súa responsabilidade política e aclarar todas as dúbidas que existen sobre a xestión deste programa, o Km0.

Exit mobile version