O Presidente díxolle á voceira do PP: “vostede establece unha serie de opinións, unha seria de conclusións, que quere que lle confirme. Pero hai tres cuestións en todas as preguntas: a xestión da confianza; a xestión do Km0, que é pública e notoria e, que non sexa capaz de seguirlle a pista di moito de vostede; e a comisión de investigación que plantexaba no Pleno de abril do 2013. O que se verteu nesa sesión plenaria pode velo na acta dese Pleno”.
Sobre a xestión da confianza, o titular provincial reiterou a “total confianza en todos os traballadores desta casa, ata que alguén me demostre o contrario. Mais esta confianza non inflúe nos meus comportamentos da res publicas, pero vexo que lle parece mal, porque vostede parece que non a ten esa confianza en todos os funcionarios, e debe tela, porque iso é garantía política e institucional de que as cousas funcionen ben. Esta confianza vouna ter ata que alguén me demostre o contrario”.
“Sobre a xestión do Km0. A Deputación de Lugo é unha das administracións en todo o país que maior eficacia e eficiencia está a demostrar na xestión e execución de proxectos cofinanciados pola Unión Europea, tal e como foi manifestado, en reiteradas ocasións, polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. A xestión dos nosos proxectos comunitarios está sometida a todos e cada un dos rigorosos controis esixidos pola Unión Europea. Deste xeito, o programa Lug02, no que se inclúe Km0, superou con sobresaínte máis de 10 certificacións e verificacións, así como máis de 3 auditorías in situ; feito que conlevou ao pagamento, por parte do Ministerio de Facenda, do 100% da axuda comunitaria recibida. É máis, o Ministerio premiou a nosa impecable xestión, incrementando a taxa de confinanciamento comunitaria do 70% ao 80%, e concedéndonos máis fondos da UE”.
Gómez Besteiro engadiu que “eu non lle vou explicar o que é o anticipo de caixa fixa, pero o que si que lle vou dicir é que eu non o inventei, pero está regulado e controlado por esta institución, polas partes que lle corresponde, que é a Intervención, e creo que aí, aínda que podo estar equivocado, esta todo medido ó milímetro”.
A segunda comparecencia de Gómez Besteiro tivo lugar na sesión plenaria extraordinaria que convocou para hoxe o Presidente, respondendo coa máxima axilidade á petición do venres que fixo o Partido Popular. Deste xeito, a sesión aprobou por unanimidade a seguinte proposta do PP: “instar ao Presidente a dar resposta ás preguntas formuladas polos grupos políticos da Corporación Provincial en relación con investigacións xudiciais”.
“Carnicería mediática”
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “saíulles mal o pleno do martes. Vostedes pretendían facer unha auténtica carnicería mediática, pero nin iso souberon facer. Estaban descolocados. Primeiro, porque se lles adiantaron. Non contaba que o Presidente solicitase a súa comparecencia voluntaria para dar conta á Corporación Provincial da actuación xudicial do Xulgado número 1. E segundo, non contaban que o Presidente detallase, punto por punto, o acontecido o venres 21 de novembro, respondendo, deste xeito, ao que vostedes pedían. É máis, o Presidente, non porque estivese obrigado, senón nun exercicio de transparencia, informou sobre outras actuacións xudiciais ás que vostedes facían mención na súa moción de urxencia. En definitiva, o martes fixérono mal e agora tratan de arranxar esta torpeza para conseguir a súa ansiada carnicería mediática. O seu único propósito”.
“¿Están vostedes detrás de todo isto?”
“Tiveron comparecencia, ou acaso non lles serviu porque foi a voluntade propia do Presidente e non porque o pedise o PP? Se querían facer máis preguntas, só tiñan que presentalas ao Pleno, para iso hai un punto de rogos e preguntas. Pero demostraron descoñecer o Regulamento Orgánico da Deputación, ao que vostedes votaron a favor. Tamén se lles facilitou toda a información da que dispón a Deputación de Lugo sobre esta actuación xudicial. Que máis queren? Que buscan? Acaso teñen vostedes máis información da que dispón a Deputación de Lugo? Ou acoso están vostedes detrás de todo isto? Expliquen vostedes porque días antes da actuación xudicial, concretamente o 19 de novembro, rexistraron varias preguntas para o Pleno, solicitando información sobre a relación da Deputación con varias empresas que, casualmente, son as mesmas que, segundo apuntan os medios de comunicación, presuntamente está a investigar a xustiza”, remarcou Martínez.
“A mesma dilixencia para todos”
“Deixen a dobre vara de medir e teñan a mesma dilixencia cos seus compañeiros de partido. Comecen pola Xunta de Feijóo. Teñen moitas explicacións que dar: operación Zeta, operación Bebé ou carretexo de votos. Non teñen vergoña. Están desesperados por tapar as súas miserias e xa nos saben que facer, se pedir comparecencias, máis explicacións…Son capaces do que sexa”. Neste senso, Martínez apuntou que “tras cinco anos e archivada a causa, seguimos agardando a que o Partido Popular pida desculpas a Lara Méndez, para quen pediu medida cautelares”.