O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, explicou que “pouco a pouco vanse facendo melloras no pavillón municipal e neste caso o que se fixo foi, dadas as propostas que se recibiron cando vou por alí, cambiar a grada que era de formigón e ao estar alí un tempo sentado daba bastante frío. O que se fixo foi colocarlle unhas táboas de madeira, de forma que agora é máis cómodo estar alí. É dicir, non é tan frío o asento, e iso puidemos facelo a través dun traballo no obradoiro e colocámolo con persoal municipal”.
O rexedor contou que “isto mesmo ofrecémosllo aos equipos de fútbol, tanto ao Iberia, coma ao Celta Barreiros, aínda que este último xa ten nas súas gradas cadeiras de plástico. Ofreciámoslles a posibilidade de colocar nas súas gradas algo que é moi agradecido cando tes que estar máis dunha hora sentado encima do cemento, e sobre todo nestas datas, e no Iberia si están interesados en colocalas. Van mirar cales son aquelas zonas nas que a auga non entra para evitar que esta estea en contacto coa madeira porque senón acaba apodrentando. Van mirar os metros que fan falta e procederase a colocala tamén.
Fuente Parga engadiu que “o persoal que está traballando no obradoiro que temos en conxunto entre os tres Concellos de Trabada, Barreiros e Lourenzá, preparou estas táboas en poucos días, e noutros dous días o persoal do Concello procedeu a colocalas. Trátase dunhas táboas de pino vernizadas e aparafusadas ao formigón das gradas”.