A Vicepresidencia da Deputación achegará 100.000 euros para que o Club Kayak Foz conte con novas instalacións para a práctica do piragüismo na ría do Masma. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá o proxecto e o orzamento para o novo hangar de piraguas, que será unha realidade no ano 2015.
As novas instalacións, de carácter permanente, substituirán ás vellas instalacións coas que contou o club até o de agora, unha simple caseta de obra prefabricada con moitos anos de antigüidade e en moi mal estado. De feito, as graves deficiencias das instalacións actuais, que presentan un deterioro moi importante dos elementos das estrutura da cuberta, con desgaste e desencaixe do seu panelado e deficientes niveis de seguridade, o que non se podería solucionar con actuacións menores de reparación e mantemento, máxime cando está exposta aos efectos do ambiente mariño.
Ao mesmo tempo, a infraestrutura actual non era funcional para o seu uso como hangar para as embarcacións e non permitía cubrir a demanda de espazo existente dado o elevado número de usuarios e usuarias cos que conta o club, impedindo deste xeito a mellora do rendemento deportivo e competitivo do club e os seus deportistas.
Apoio decidido ao deporte do piragüismo e o remo na comarca
A área de Deportes da institución provincial, que dirixe o nacionalista mariñán Antonio Veiga, decide apoiar deste xeito o intenso traballo que está a realizar nos últimos anos o Club Kayak Foz, un club histórico do deporte náutico da comarca fundado no ano 1983 e presidido neste momento por Ignacio Romillo Díaz.
“Cando no ano 2007 chegamos ao Goberno da Deputación e asumimos as competencias en materia de Deportes, decidimos apostar pola revitalización dos deportes náuticos, nomeadamente das disciplinas do remo e o piragüismo na provincia de Lugo e de xeito moi especial na comarca da Mariña, como medidas como a creación da Copa Deputación de Piragüismo ou o apoio aos clubs de remo mariñáns. O resultado está aí e é exitoso: clubs renovados con novos folgos e máis vivos ca nunca e aumento moi notable do número de practicantes e sobre todo con grande incorporación de nenos e nenas, que son a garantía de continuidade dos deportes naúticos na comarca”, afirma Antonio Veiga.
O vicepresidente da Deputación quixo felicitar “aos seis clubs existentes na comarca polo seu traballo: Kayak Foz, Altruán de Ribadeo, Club Deportivo San Ciprián, Club de Piragüismo Viveiro, Club Remo Ribadeo e Club de Remo Celeiro” e mostroulles novamente o seu “apoio e colaboración para aproveitar entre todos a tradición e o potencial que ten a comarca da Mariña nestas disciplinas”.
Un club histórico con moito traballo na base
O club focense conta neste momento con 70 mozos e mozas padexeiros federados, 40 deles participantes habituais en regatas como a Copa Deputación, competición na que o Club Kayak Foz leva varios anos acadando o subcampionato, ou a Liga Galega de descenso de ríos e travesías.
Padexeiros e padexeiras de categorías infantil, alevín, cadete e xuvenil do Kayak Foz compiten en competicións a nivel galego e estatal e novos talentos como Xoel García ou a parella formada por Alexis Navas e Juan Rivas están xa na elite do piragüismo.
Asemade, o Club Kayak Foz organiza cada verán a Travesía Ría de Foz, unha das probas máis antigas de Galiza, que este ano chegou á súa 52 edición, e na que participaron máis de 400 padexeiros e padexeiras, o que dá boa mostra do asentamento social do deporte do piragüismo en Foz e na comarca mariñá.