Máis de 100 veciños de toda a provincia, tanto de zonas rurais como da capital luguesa, afectados pola ausencia no HULA de Radioterapia, Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear, asistirán mañá ao Pleno da Deputación de Lugo para seguir o debate da moción en reclamo da dotación destes servizos na provincia e da dimisión da Conselleira de Sanidade, que impulsa Gómez Besteiro.
Trátanse de lucenses que forman parte da Federación de Asociacións Veciñais da provincia, colectivo que promoveu a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento de Galicia, ao superar as 41.000 sinaturas, para esixir á Xunta que poña fin á discriminación que sofren os lucenses, posto que Lugo é a única provincia galega que non conta con Radioterapia, Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear.
A Federación de Asociacións Veciñais solicitou en varias ocasións un encontro coa Conselleira de Sanidade para abordar esta discriminatoria situación, pero nunca obtivo resposta algunha. Despois de 3 anos nos que a Xunta se negou a dotar a Lugo destes servizos e tras eludir a ILP aprobada por unanimidade, a Federación xa reclamou a dimisión de Rocio Mosquera.
En apoio aos miles de lucenses que demandan servizos sanitarios para o HULA e que respaldan a ILP, Gómez Besteiro promove unha moción na sesión plenaria deste martes para acordar o seguinte:
– Esixir a inmediata dimisión de Rocio Mosquera pola súa nefasta xestión á fronte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que institucionalizou a discriminación cara os lucenses, privándoos das mínimas garantías de acceso aos servizos sanitarios.
– Manifestar o rexeitamento da Deputación de Lugo ás prácticas políticas do Partido Popular e dos seus representantes na Xunta de Galicia, que deformaron o concepto de soberanía popular mediante a Iniciativa Lexislativa, recollido no Artigo 87 da Constitución Española.