O CD Burela FS Pescados Rubén xa coñece o rival de cuartos na súa estrea na Copa de España. O equipo laranxa viaxará a Cidade Real para enfrontarse ao actual campión de Liga e de Copa, Inter Movistar, o 12 de marzo de 2015, na xornada inaugural do campionato; precisamente os mariñáns darán a benvida ao ano este sábado na pista dos interistas coa 16ª xornada de Primeira División LNFS (18.00 horas).
“Xogaremos cun dos tres mellores equipos; sabiamos que había moitas posibilidades, pero tamén estamos contentos porque nos toca un dos partidos do xoves e se conseguimos pasar de cuartos teremos o venres de descanso, como queriamos, para recuperarnos” explicaba así o técnico laranxas as súas primeiras impresións tras o sorteo. “Será un campionato equilibrado; os grandes non se medirán ata semifinais e o resto iremos co obxectivo de estragar as previsións” opinaba o burelista.
Juanlu Alonso coincidiu co representante laranxa no sorteo de Cidade Real, Jorge Bellvert, en que a “participación do Burela FS na Copa xa é todo un premio; é unha cita para gozar”, puntualizando ademais sobre o afán de superación dos da Mariña: “Somos un equipo competitivo, en cada partido saímos a gañar e non imos cambiar a nosa filosofía. Sabemos que será difícil; intentaremos chegar aos últimos dez minutos con opcións e despois pode pasar de todo” explicaba Juanlu.
Ao acto do Teatro Quijote Arena, emitido en directo por Teledeporte e presentado polo xornalista Jesús Álvarez, tamén acudiron o presidente e o vicepresidente do club laranxa, Manuel Branco e José Luis Sáez.
Emparellamentos de cuartos de final:
Xoves 12 de marzo de 2015
ElPozo Murcia FS-Jaén Paraíso Interior
Inter Movistar-Burela FS Pescados Rubén
Venres 13 de marzo de 2015
Magna Navarra-Palma Futsal
FC Barcelona-Aspil Vidal Ribera Navarra FS