Site icon Crónica3.com A Mariña

Cruz da Venta lamenta que “o goberno provincial vote en contra da ampliación do Museo do Mar e a construcción dos accesos ó polígono de Cuíña”

San Cibrao, 30 de decembro de 2014.- A asociación Cruz da Venta lamenta “amargamente” que PSOE e BNG tumben no Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes a alegación formulada polos veciños de San Cibrao na que reclamaban que a administración provincial inicie a ampliación do Museo do Mar e constrúa os accesos pendentes ó polígono industrial de Cuíña.

Facéndose eco do malestar que provoca entre os veciños o rexeitamento destas dúas demandas históricas, o presidente da asociación Cruz da Venta, Jose Luís Sariego, asegura que “o voto en contra de socialistas e nacionalistas demostra a verdadeira vontade do goberno que preside José Ramón Gómez Besteiro de seguir negando a San Cibrao estas dúas iniciativas”.

Acceso ó polígono
Sariego indica que “co rexeitamento á alegación formulada polo colectivo veciñal perdeuse unha oportunidade única para confirmar que a Deputación quere rematar unha obra, como é o acceso ó polígono, coa que din estar comprometidos desde o bipartito provincial, pese a que a realidade é que non avanzou nada nas últimas dúas lexislaturas, aínda conscientes do risco na seguridade que implican camións perdidos polo centro do pobo e as inmediacións do instituto e centro de saúde”.

O rexeitamento á alegación “lévanos a sospeitar que o compromiso co desbloqueamento do acceso ó polígono anunciado desde a Deputación non é máis que unha estrataxema dos actuais gobernantes para intentar sortear as críticas, pola proximidade das eleccións municipais, pero sen unha vontade real por investir no remate desta obra, de estrita competencia provincial e na que xa se expropiaron terreos e executado parte do desmonte, en anos anteriores ó actual bipartito”.

Museo Provincial do Mar
Por outra banda, desde Cruz da Venta non comprenden “como se pode saír presumindo do Museo do Mar dende a Deputación e á vez permitir que esta institución cultural se atope asfixiada pola falta de espazo e investimento na súa ampliación, unha actuación que segue sendo necesaria e que posibilitaría que albergarse toda a colección de pezas que ten almacenadas en circunstancias que, para Cruz da Venta, deixan moito que desexar. Un ano máis as promesas de ampliar o Museo caen en saco roto, pese a que a Deputación demostra, por exemplo coa recente adquisición da colección de orfebrería de Álvaro Gil, que si hai recursos económicos dispoñibles, pero non vontade por ampliar un museo que é unha xoia de atracción turística de San Cibrao e do resto da comarca”.

Exit mobile version