O filme de Ignacio Vilar, A ESMORGA (Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG), está a piques de pechar o 2014 converténdose nun éxito indiscutible do cinema galego.
A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris” segue emocionando os espectadores galegos e está a piques de iniciar a súa 7ª semana na carteleira das principais cidades galegas, un dato histórico e impensable hai tan só uns meses para unha produción independente en V.O. en galego e tendo en conta a competencia habitual destas datas con grandes superproducións.
Alén dos 37.500 espectadores que xa viron o filme en Galicia, a excelente acollida do público durante o Nadal permitirá ao Bocas, o Cibrán e o Milhomes continuar a súa particular esmorga polos cines galegos na primeira semana de 2015. O filme exhibirase na Coruña (CC Os Cantóns e CC Os Rosales), Vigo (CC Gran Vía), Santiago de Compostela (CC As Cancelas), Ribadeo (Cines Cinelandia) e Caldas de Reis (Cines Avenida), así como no Auditorio Municipal de Ourense e no Teatro Municipal de Viveiro.
Na cidade das Burgas concretamente, onde se inspira a obra e onde foi rodada a meirande parte do filme, A ESMORGA foi vista onte por 102 espectadores nunha soa sesión. Tamén é relevante a cifra acadada en Vigo, onde o filme foi visto onte por máis de 90 espectadores, e a dos cines de Santiago de Compostela (CC As Cancelas), onde asistiron ao pase de onte 80 espectadores nunha soa sesión.
En termos xerais, velaquí o ránking de cidades onde o filme foi máis visto desde a súa estrea o pasado 21 de novembro:
VIGO: 8.602 espectadores
SANTIAGO: 6.606 espectadores
A CORUÑA: 6.250 espectadores
OURENSE: 5.468 espectadores
LUGO: 3.176 espectadores
FERROL/NARÓN: 2.227 espectadores
PONTEVEDRA: 1.607 espectadores
Alén do éxito en Galicia que, sen dúbida, marcará un antes e un despois no cinema galego, cómpre lembrar que A ESMORGA converteuse no 2º filme en recadación media por copia en todo o estado español na fin de semana da súa estrea e situouse no Top 10 dos filmes máis vistos na carteleira española na súa segunda semana. A crítica estatal e internacional non ficou indiferente a este fenómeno e tamén se fixo eco deste éxito (http://aesmorgafilme.com/falan-da-esmorga/, http://aesmorgafilme.com/critica-hollywood-reporter/). Avalados por esta boa acollida, os produtores non descartan que a estrea de A ESMORGA no resto do estado español na primavera de 2015 siga dando moitas sorpresas