Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo esixe medidas contra a pobreza enerxética que sofren máis de 7 millóns de persoas

A Deputación de Lugo esixe aos Gobernos central e galego medidas contra a pobreza enerxética que sofren máis de 7 millóns de persoas en España, segundo a Asociación de Ciencias Ambientais (ACA). Faino a través dunha moción que o grupo provincial socialista leva ao Pleno de mañá e na que se recollen datos do estudo sobre pobreza enerxética de dito colectivo como os seguintes: 7,4 millóns de españois destinan máis do 10% dos seus ingresos ao pago de gastos enerxéticos. 455.000 destas persoas son galegos.

Sofren pobreza enerxética, situación que, segundo indica ACA, se produce cando os membros dun fogar son incapaces de pagar os servizos enerxéticos suficientes para satisfacer a súas necesidades domésticas e se ven obrigados a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos ao pagamento da factura enerxética das súas vivendas.

A datos da Asociación de Ciencias Ambientais, como que 4,2 millóns de españois non poden manter o seu fogar a unha temperatura axeitada, 192.000 son galegos; engádense os da enquisa de condicións de vida do INE: o 16,6% dos fogares galegos teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes polos gastos domésticos e o 5% teñen atrasos nos pagamentos relacionados coa vivenda principal.

Lexislación “insuficiente”
A Unión Europea instou a Estados membros a adoptar medidas contra a pobreza enerxética derivada da crise social e económica. As normas europeas foron elaboradas cun dobre obxectivo: primeiro, garantir unha subministración de gas e electricidade imprescindible para garantir unha vida digna asociada á vivenda habitual, e a un custo alcanzable para o consumidor vulnerable; e segundo, prohibir a desconexión en períodos críticos. Mentres países comunitarios aprobaron normas ao respecto, “a lexislación española limitouse a desenvolvementos absolutamente insuficientes”, apunta a moción do socialistas.

O grupo provincial do PSOE na Deputación cree “imprescindible” que o Goberno central aprobe unha Lei que solucione os problemas máis urxentes e prexudiciais de pobreza enerxética, e que marque a orientación prioritaria da Administración á hora de afrontar as principais causas polas se produce e manifesta. Estima preciso que se lexisle para que a subministración de enerxía sexa un dereito social básico, para que os consumidores vulnerables accedan a unha tarifa social en función dos seus ingresos e non do mercado, e para que non haxa cortes no subministro en inverno, financiando a diferenza entre a tarifa social e o consumo real a través dos Presupostos Xerais do Estado.

Acordos
Os acordos da moción que se debaterá na sesión plenaria de mañá son os seguintes:

• Instar ao Goberno de España a que, de forma inmediata, presente no Congreso dos Deputados unha lei de protección dos consumidores vulnerables e contra a pobreza enerxética que conteña, como mínimo, estas medidas: garantir aos consumidores vulnerables o dereito á subministración enerxética suficiente, destinada á climatización de vivenda, á iluminación e consumo de aparatos de conservación e refrixeración e a quentar a agua de uso sanitario e hixiénico; prohibición de interrupción da subministración enerxética ás persoas en situación de pobreza enerxética, definida como aquela situación na que os consumidores vulnerables destinan máis do 10% da súa renda familiar mensual para a satisfacción das necesidades enerxéticas básicas; desenvolvemento dunha tarifa social para os consumidores vulnerables e en situación de pobreza enerxética que garanta a accesibilidade da subministración enerxética e que non estea vinculada ás flutuacións dos prezos do mercado.

• Esixir á Xunta de Galicia a que desenvolva unha nova resolución para ampliar a contía do denominado tícket eléctrico, modificando os requisitos para ser perceptor e, vinculándoos á porcentaxe de renda familiar destinada a subministracións enerxéticas, establecido nun 10% de renda, garantindo a subministración enerxética ás familias entre o 1 de novembro e o 31 de marzo.

Exit mobile version