Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG manifesta a solidariedade da planta de Alcoa en San Cibrao coas de Avilés e A Coruña

Este luns a Dirección de Alcoa informaba ao Comité, da apertura dun expediente de despido colectivo nas fábricas da Coruña e Avilés que afecta a totalidade das súas plantillas (800 postos de traballo). Abriuse nese momento un prazo de 7 días para a constitución das correspondentes comisións negociadoras que disporán doutros 30 días naturais para as negociacións.

Alcoa manifestou que se durante este período se acadaba un resultado mellor coa celebración da anunciada segunda poxa (prevista para mediados de mes) ou outra oportunidade que se presente podería retomar a produción nas citadas plantas. Pero que de calquera maneira de celebrarse a segunda poxa nas actuais condicións non se solucionaría o problema.

A dirección manifestou que durante o ano 2015 a fábrica de San Cibrao ten previsto continuar a diante cos seus obxectivos de produción. Recordando que de calquera xeito para garantir o futuro da factoría da Mariña é preciso un prezo da enerxía non so competitivo senón tamén estable no tempo.

O Comité de Empresa tratará no próximo pleno ordinario este tema nun punto especifico para acordar as accións que se podan tomar. Mentras, amosan “o noso total apoio aos compañeiros de A Coruña e Avilés á hora de reclamar unha solución definitiva que garanta o futuro da industria e dos postos de traballo”.

Para rematar critican a “nefasta xestión dun goberno que nun país coma Galiza con excedente na produción eléctrica permite a destrución do seu tecido industrial de base por este tipo de problemas”.

Sección Sindical da CIG Alcoa San Cibrao.

Exit mobile version