Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntariado de Barreiros organiza o III Encontro Interxeracional para festexar o Día Internacional das persoas maiores

Barreiros, 13 de outubro de 2014. A Rede de Voluntariado Local, dependente da Concellería de Servizos Sociais de Barreiros, organiza un ano máis o seu Encontro Interxeracional. A cita, que xa vai pola súa terceira edición, ten coma obxectivo fundamental conmemorar o día internacional das persoas maiores que se celebrou o pasado 1 de outubro. Os veciños poderán participar o vindeiro 25 de outubro nun amplo programa de actividades que se desenvolverán nos colexios vellos de San Miguel. A temática do encontro estará baseada nos anos 60 e todos os participantes que así o desexen, poderán ir caracterizados.

Os actos deste III Encontro Interxeracional comezarán ás 12 da mañá cunha mostra de teatro na que o grupo humorístico Trípode interpretará a obra Apedreando. Ás 14 horas haberá unha comida conxunta na que cada participante levará a súa cesta e o seu mantel, para celebrar un momento de confraternización. Xa ás 16:00 horas, terá lugar un guateque ambientado nos anos 60, no que a Rede de Voluntariado espera unha gran implicación dos veciños para que acudan caracterizados de época.
Paralelamente, durante todo o día permanecerá aberta ao público unha exposición de vehículos antigos: motos, coches, bicicletas, carritos… (cada un pode levar o seu).

Roupeiro municipal

Por outra banda desde a Rede de Voluntariado Local recordan ademais que nestas datas se vai producir un cambio no horario de apertura do Roupeiro Municipal. O local abrirá os venres en horario de 17:30 a 19:00 horas, segundo adiantaron os seus responsables.

Exit mobile version