Madrid, 15 de outubro de 2014.- O Secretario na Comisión de Emprego e senador por Lugo, Ricardo Varela, desmentiu, este martes, ao Goberno e asegurou que non se está creando emprego, “simplemente estase troceando o existente”. Varela, que interpelou á Ministra de Emprego, Fátima Báñez, subliñou que “non hai máis traballo. En realidade, hai menos pero repartírono”.
O parlamentario do PSOE asegurou que a Ministra e o Presidente do Goberno non poden negar que no segundo trimestre de 2014, no que presumiron de crear 400.000 postos de traballo, a realidade, segundo a EPA e a contabilidade nacional, é que se perderon catro millóns de horas semanais respecto de 2013. Neste punto, especificou que mentres crece o número de empregos nun 0,9%, baixa o número de horas traballadas nun 0,7%.
Ricardo Varela insistiu na gran mentira do Executivo do PP sobre “o crecemento e as raíces vigorosas” e explicou que nos últimos 12 meses que sinala a última EPA, o traballo en España caeu en 210 millóns de horas respecto ao ano anterior. Varela ironizou e sinalou que “as raíces vigorosas da nosa economía, das que falaban Rajoy e Báñez están secas”.
O senador galego preguntou á titular da carteira de emprego, de forma reiterada, “como poden falar de crecemento do emprego cando os datos oficiais (EPA e contabilidade nacional) indican que perdemos catro millóns de horas semanais con respecto ao ano anterior”. Tamén sinalou que o verdadeiro obxectivo da reforma laboral era modificar a distribución da riqueza entre salarios e beneficio empresarial. “Conseguiron os seus obxectivos”, lamentou. “No periodo entre os anos 2011 e 2014, os salarios perden 46.2000 millóns de euros mentres que os excedentes empresariais (beneficio) crecen en 15.700 millóns de euros”.
A continuación, Ricardo Varela subliñou que, na actualidade, hai 846.115 parados máis que no ano 2011 e indicou que en España se contabilizaban 7.772.860 cidadáns que demandan emprego entre parados, traballadores a tempo parcial que buscan xornada completa e traballadores “desanimados” que xa non se inscriben no INEM.
Ademais, Varela recriminou ao Goberno que execute, de novo, un brutal recorte ás prestacións por desemprego en 2015 cunha rebaixa de 4.427 millóns de euros menos que no orzamento anterior, un 15% menos.
O parlamentario socialista concluíu recalcando que “é inconcibible que, con case un millón de parados máis que en 2011, dedíquese un 23% menos para protexer a este colectivo (en total, 7.506 millóns de euros menos no orzamento de 2015 respecto ao de 2011). É lamentable que o Goberno elimine un de cada tres euros dedicados a políticas de emprego”.