Ribadeo, 28 de outubro de 2014.- Xa está aberta ao tráfico rodado a avenida de Calvo Sotelo, onde desde mediados do pasado mes de setembro se acometeu a última fase das obras de acondicionamento e humanización desa rúa. Os traballos financiados pola Xunta, polo goberno do Estado e polo Concello. O investimento ascendeu a 110.000 euros.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “dentro do prazo que nos tíñamos marcado, finalmente remataron as obras desta continuación na avenida de Calvo Sotelo, que se foi facendo nos últimos anos en varios treitos. Agora, neste último, logramos que as obras respondesen a unha nova avenida totalmente rehabilitada e humanizada, onde poden convivir vehículos e peóns e onde hai mobiliario público coma bancos, papeleiras e árbores. Algo que vai na mesma liña de humanizar, que levamos defendendo en Ribadeo nestes últimos anos”.
O rexedor ribadense subliñou que “a empresa construtora o fíxoo moi ben, a pesar do mal tempo que houbo algúns días. E tamén as molestias, que sempre as houbo coma en toda obra, entendo que foron mínimas ou polo menos así o foron as queixas dos veciños. Todos souberon soportar as molestias e o ruído destas obras para agora ter unha avenida e unha vía moi boa, do mellor que temos en Ribadeo”. Suárez Barcia engadiu: “este é o aliciente que temos para seguir pensando en novas actuacións para futuros tempos, que aínda que agora por mor da situación económica que temos non poden seguir sendo tan amplas e grandes coma eran anos atrás, pero que si que permiten seguir convertendo a Ribadeo nun lugar moi atractivo para comprar, para vivir e pasear. O que fai que dende o Concello esteamos empeñados en seguir con toda esta política de amaños de rúas e espazos públicos que penso que a xente valora profundamente”.