Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias admite que “resulta imposible entender” ó alcalde de Ribadeo que esixiu durante meses a restricción do acceso de usuarios ás Catedrais e de repente pasa a pedir o contrario

Lugo, 13 de outubro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asegurou este luns que “resulta imposible entender” ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, que durante meses esixiu restrinxir o acceso á praia das Catedrais -na opinión do alcalde había perigo de acabar coa galiña dos ovos de ouro- e agora, de repente, pasa a falar de que non se reduzan as visitas ao devandito areal.

Arias considera que para o alcalde ribadense queda claro que “a realización do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais é algo residual, porque o único que lle interesa é xerar confrontación, para o que non dubida en contradicirse a el mesmo con tal de alongar todo o proceso”.

A representante do Executivo galego recordou que durante meses, o propio alcalde ribadense, en distintas declaracións públicas e tamén en conversas coa Administración autonómica aseguraba que era preciso “limitar o acceso”, abrindo incluso a posibilidade de cobrar unha cantidade aos usuarios por acceder ao areal.

Pero, nos últimos días, logo de traballar sobre a posibilidade de controlar o acceso á praia das Catedrais, o alcalde desdise e agora pide que “non se reduza o acceso”, pero “maquilla esa proposta co termo drásticamente, un detalle característico da súa estratexia vitimista: xerar alarmismo”.

A delegada territorial salienta que o plan pretende compatibilizar a preservación do monumento natural co seu uso e disfrute e tamén como xerador de riqueza para a contorna. Neste sentido, a delegada territorial agradece a participación de veciños, asociacións e institucións, como é o caso do propio Concello de Ribadeo na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais.

A pesar da actitude do alcalde, a delegada asegura que dende o Executivo galego seguirase coas conversas coas asociacións da zona e co Concello co obxectivo de conseguir que o plan resultante sexa froito do maior consenso e permita a conservación das Catedrais e tamén o desenvolvemento económico da zona.

Actuación en marcha
Arias confirmou que “a Xunta vai a seguir avanzando decididamente, gústelle ou non ao alcalde” co obxectivo de ter a disposición dos ribadenses e dos usuarios das Catedrais un plan de conservación que sexa “froito do consenso”.

A praia das Catedrais, declarada Monumento Natural no ano 2005, converteuse nos últimos anos nun importante foco de atracción turística. A masiva afluencia de visitantes, en períodos puntuais, representa un problema de superación da capacidade de acollida e, en consecuencia, un risco para a conservación dos hábitats e formacións xeolóxicas que motivaron a súa declaración.

A Xunta considerou a necesidade de establecer medidas de cara a preservar este entorno que conta, sobre todo, durante o período estival cunha elevada afluencia de persoas que se achegan para disfrutar das singularidades do areal.

Ante esta situación, a Xunta puxo en marcha xa no pasado verán unha actuación para a ordenación do uso público no monumento natural, que fose compatible coa conservación dos seus valores ambientais e o aproveitamento sustentable do recurso turístico. Tal e como expuxo Arias este plan ten dúas fases.

A medio prazo, existe unha fase máis ampla, que consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais, no que se está a traballar dende xullo. Pero, de xeito inmediato impulsouse outra, que supuxo, entre outras medidas, a disposición durante o verán dun servizo de persoal informativo que orientou aos usuarios do areal e a instalación de paneis informativos sobre este entorno. No seu conxunto, estas dúas medidas implican un investimento de 160.000 euros, que serán aportados polo Goberno galego.

Así mesmo, a Xunta financiou a contratación dunha persoa para o servizo na oficina de información turística de Ribadeo, así como dez socorristas nos areais ribadenses, boa parte deles destinados no areal das Catedrais. Por último, o Executivo galego entregou 4.200 guías informativas sobre a Mariña lucense que estiveron dispoñibles nas oficinas de turismo da praia das Catedrais e de Ribadeo. Estas medidas súmanse ás actuacións postas en marcha para a regulación do uso público e a conservación da praia e o seu entorno.

Exit mobile version