O Burela Pescados Rubén logrou o seu primeiro triunfo da tempada tras vencer por 4-3 a un Peñíscola Bodegas Dunviro que deixou unha gran imaxe en Vista Alegre. O conxunto burelés estrea o seu casillero de puntos con esta vitoria que lle permite coller máis confianza tras un difícil inicio ligueiro. O encontro foi de máxima intensidade entre dous equipos que presionaron moi ben ao rival e na primeira parte o aspecto defensivo impúxose ao ofensivo. Aínda que as mellores ocasións foron para os visitantes, con disparo á cruceta incluído de Fran Conde, foi o Burela Pescados Rubén o que golpeou primeiro. No último minuto, dous contragolpes xestionados por Matamoros foron finiquitados por Iago Míguez para irse aos vestuarios con vitoria parcial de 2-0 para os galegos.
Na continuación, o Peñíscola apertou ao máximo desde o inicio e obtivo o seu premio co 2-1 marcado por Fran Conde, minuto 25. O tanto visitante reforzou o seu bo momento ante un Burela Pescados Rubén que non lograba conectar co partido pero que a base de compromiso e actitude logrou reaccionar ás ocasións valencianas. Matamoros volveu aparecer e cun zurdazo ampliou a renda (3-1) e nun contragolpe Antoñito bateu no man a man a Chema para situar o 4-1. Ante esta tesitura, o Peñíscola apostou por xogo de cinco a case seis minutos do final e Juanqui logrou o 4-2. Os laranxas capearon ben o acoso visitante pero perdoaron as súas ocasións e un postreiro gol de Javi Alonso (4-3) levou a incerteza a Vista Alegre que finalmente celebrou a vitoria do seu equipo.
Charly Maza. O xogador do Peñíscola Bodegas Dunviro tivo que retirarse do choque ao lesionarse nunha acción fortuita ao intentar rematar unha clara ocasión.
*Fotografía: Marián García Mesa.