Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo demandan o arranxo da rúa Concepción Arenal como prioridade para os veciños tralo inicio das obras na Praza da Veiga

CERVO, 3 DE OUTUBRO. Os socialistas de Cervo non comparten a actitude do equipo de goberno á hora de priorizar actuacións que impliquen unha mellora para todo o concello, “veñen de iniciar a obra denominada reforma e acondicionamento da praza en Rúa Asturias esquina Rúa Rosalía de Castro en San Cibrao por un importe de 49.955 euros e mentres, a Rúa Concepción Arenal, un dos puntos neurálxicos de San Ciprián, prioridade e demanda de tódolos veciños, segue no mesmo estado”.

Os membros do PSOE de Cervo adiántanse ás críticas poñendo por diante que “todo o que se faga polo concello, calquera actuación que supoña unha mellora será apoiada polo noso grupo municipal pero o que non entendemos é que non se comece por onde se ten comezar, por onde os veciños demandan que se comece”.
Hai máis dun ano
, polo mes de marzo do pasado 2013, fixemos públicas as queixas que nos trasladaban diariamente os veciños, “ó longo da Concepción Arenal podíamos encontrar varias fochancas e nas aceras, áreas de aparcamento e no firme existían varias zonas onde a auga apozaba con moita facilidade. O único que fixeron foi facer acto de presencia polo lugar e ordenar un lavado de cara, co cal, a día de hoxe seguimos tendo o mesmo problema”.

Os socialistas lembran que “os membros do PP de Cervo levan co mesmo discurso dende o ano 2009, no que anunciaron a mellora da Rúa Concepción Arenal, imos rematar o 2014 e seguimos igual”.

Cren que non deberan comezar outra actuación sen solucionar o máis demandado polos veciños e esixen que “xa que decidiron comezar a casa polo tellado, lle dean continuidade a esta iniciativa e unha vez rematada a praza, acondicionen dunha vez por todas e de maneira definitiva a Rúa Concepción Arenal”.

Solución ós contenedores
Por último, e xa que o goberno de Cervo decidiu actuar na praza da rúa Asturias, piden que “se aproveite esta obra para dar solución á cantidade de contenedores existentes nesta praza, entre orgánicos, de plásticos, de cristais e de papel, contamos un total de dez. É o mellor momento para acomodar mellor este espazo e propoñemos a posibilidade de contenedores soterrados”.

Exit mobile version