O Burela FS Pescados Rubén disputa a segunda eliminatoria da Copa do Rei este martes, 14 de outubro, na pista do vigués CD Mosteiro Bembrive FS, de Segunda B, en partido único previsto para as 21.00 horas.
O primeiro rival dos laranxas, que rematou a tempada pasada como segundo clasificado, conseguiu o pase a esta rolda tras a vitoria nos penaltis fronte ao campión da categoría en 2013-14, Cidade de Narón (3-3). A pasada fin de semana o conxunto pontevedrés acadou o triunfo na súa estrea ligueira logo de vencer no feudo do Leis Pontevedra por 3-5.
O Burela Pescados Rubén afronta esta eliminatoria como favorito ante un conxunto de categoría inferior e no que “temos moito que perder e pouco que gañar” indicou Juanlu Alonso que engadiu que “a pesar diso, imos ter a cabeza fría, a nosa competición é a Liga. Nesta competición tamén queremos gañar, pero non imos correr riscos innecesarios”.
Miguel, por precaución, e Isi, con sobrecarga muscular, non estarán na convocatoria do encontro que está formada por: 1. Edu, 3. Jorge Bellvert, 5. Iago Míguez, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 19. Erik, 27. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato 30. Hélder. 29. Ángel.