Site icon Crónica3.com A Mariña

O rexedor de Burela considera que “a solicitude de Pleno extraordinario presentada polo PSOE sobre a revisión dos valores catastrais significa recoñecer o seu fracaso coma goberno que foron”

Burela, 3 de outubro de 2014. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, subliñou que a solicitude de pleno extraordinario presentada este luns polo PSOE para pedir unha revisión dos valores catastrais chega tarde porque xa o pasado venres, 26 de setembro, o equipo de goberno se dirixiu á Xerencia Provincial do Catrasto para comunicarlle a súa intención de realizar dita revisión. O rexedor asegura que “isto significa recoñecer o seu fracaso coma oposición e coma goberno que foron”.

O alcalde burelés lembrou que “o pasado venres, día 26 de setembro, o goberno municipal presentou un escrito dirixido ao Catastro desta provincia. Nel comunícaselle ao propio Catastro que o Concello de Burela ten intención de levar a cabo unha revisión dos valores catastrais dos inmobles, solares e fincas do noso termo municipal coa intención de adecuar os indicados valores á realidade económica actual. Coma primeira medida, tense remitido a esa Xerencia Provincial o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 31 de marzo do presente ano, para a adecuación do solo de natureza rústica ao que pon o propio Plan Xeral. A tal efecto, solicitamos do Catastro que nos remita información sobre o procedemento a seguir por este Concello para levar a cabo a solicitude oficial de revisión dos valores catastrais e polo procedemento a seguir, tanto por parte da Xerencia Provincial, coma por parte do Concello, a concreción de fases e prazos de realización, logo de ter presentada formalmente a petición”.

González Barcia referiuse á petición de pleno extraordinario presentada polo PSOE este luns para solicitar o mesmo que o equipo de goberno: “isto como digo presentámolo o venres día 26 de setembro a través do rexistro. E o Partido Socialista o luns pide un pleno extraordinario para o mesmo, para solicitarlle ao Catastro a revisión catastral. Nós entendemos que o Partido Socialista chega unha vez máis tarde e chega tarde porque sinceramente isto puidérono facer incluso cando eles estaban gobernando e non o fixeron. Puidérono facer durante estes tres anos e non o fixeron. Digo que cando estiveron gobernando, xa que no 2009 e no 2010 había unha situación de crise importante, pero parece que estaban máis interesados pola recadación que por beneficiar aos veciños”.

O alcalde burelés dixo que “nós temos claro que a nosa petición vai a ser unha petición debidamente argumentada e razoada. Queremos que os valores catastrais se adecúen aos valores de mercado actuais para que en definitiva os veciños saian beneficiados. Nese sentido xa tivemos conversas co Catastro, conversas que se teñen concretado precisamente na presentación deste escrito e que probablemente na semana que ven continuarán cando nos volvamos a reunir co xerente provincial do Catastro para ultimar detalles e logo facer xa a solicitude oficial”. E engadiu que “de cara á información aos veciños, nas próximas semanas manteremos unha reunión coas xuntas directivas da Comunidade de Montes e da asociación de veciños O Vencello para explicarlles os pasos a dar por parte do Concello e por parte do propio Catastro para levar a cabo a revisión catastral”.

No pleno extraordinario celebrado esta mañá no Concello burelés o equipo de goberno votou en contra da petición formulada polo PSOE: “tendo en conta que nós xa tiñamos presentado un escrito con antelación á proposición feita polo PSOE no pleno, loxicamente optamos por votar en contra de dita petición do PSOE porque o que puido facer foi adherirse á nosa petición remitida o pasado 26 de setembro e en todo caso pedirnos ao Concello e ao Catastro unha certa celeridade para levar a cabo todo este procedemento, que non é precisamente un procedemento rápido, senón máis ben todo o contrario”, manifestou o rexedor.

Para González Barcia a petición deste pleno extraordinario por parte do PSOE “logo de votar a favor da baixada de impostos formulada pola Alcaldía, logo de votar a favor da baixada do IBI, significa recoñecer o seu fracaso coma oposición, pero tamén como goberno que foron. Fracaso como oposición por non ter plantexado xa no pleno ordinario, coñecendo coma coñecían a nosa proposta sobre o IBI, unha moción de urxencia sobre a valoración catastral. E tiveron tempo de facelo, porque coñeceron xusto unha semana antes do pleno do pasado 25 de setembro a nosa proposta. E fracaso como goberno porque vostedes no seu día criticaron a ponencia que fixa os valores catastrais e que data de 2006. Pero, cousa curiosa, en ningún momento plantexaron unha baixada dos valores catastrais”.

Exit mobile version