O Partido Socialista denunciou este venres en Vigo que nin a Xunta nin o Goberno central están á altura das necesidades do sector pesqueiro galego, ao que están deixando á súa sorte, e esixiron máis cota e axudas para facer fronte ás dificultades que atravesa o sector. O Partido Socialista comprometeuse a traballar para evitar a prohibición total das redes de deriva, dado que suporía acabar cunha arte “sustentable e tradicional” como o xeito e reclamou ademais que o Goberno aprobe axudas para todos os afectados polo peche da pesquería da sardiña, sen exclusións.
Así o manifestaron os membros do Partido Socialista nun encontro mantido co sector pesqueiro galego, entre os que se atopaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o eurodiputado e membro da Comisión de Pesca José Blanco, a secretaria federal de Pesca, María Luisa Faneca e a galega, Carmen Casalderrey, entre outros.
En declaración aos medios, a secretaria federal manifestou que lle preocupa “a inoperancia e o desleixo do Goberno nun sector estratéxico” pois está adoptando medidas “de costas ao sector” e que non son sustentables nin co medio ambiente nin co sector.
A este respecto, censurou a actitude da Xunta, que da a “calada por resposta” ante o Goberno central, como se evidenciou nos últimos días en relación ao peche da sardiña. “É preocupante porque se presentan peches sen contar co sector, sen escoitar alegacións” poñendo en risco a zonas que poden xerar máis emprego.
Pola súa banda, José Blanco sinalou que en breve terá unha reunión co futuro comisario de pesca, o socialista Karmenu Vella, de quen dixo que na súa comparecencia ante o Parlamento deulle ao sector a “esperanza que nos negaba a anterior comisaria”, pois amosou “sensibilidade” en asuntos clave para Galicia como a prohibición das redes de deriva. “Deu esperanza e maior compromiso, facilitando un maior equilibrio entre a sustentabilidade e o desenvolvemento dunha industria que é estratéxica para Galicia. Temos pasado dunha certa frustración a unha certa esperanza”, puntualizou para indicar que o comisario ten “especial interese” por vir a Galicia.
Blanco incidiu en que estamos nun momento clave, dado que se teñen que desenvolver normativamente as medidas aprobadas na anterior lexislatura, polo que é o “momento do compromiso e do esforzo, de estar co sector, escoitar as súas necesidades e trasladalas a Europa”.
Nese senso, reivindicou que hai “posibilidades de aumentar as nosas cotas”, polo que esixiu ao Goberno central que dea a batalla, pero tamén que aplique “criterios máis racionais para a distribución desas cotas” a nivel nacional. E considerou que é posible ampliar os acordos de pesca con terceiros países. A ese respecto, manifestou a súa preocupación polo que está ocorrendo con Mauritania e cos cefalopodeiros. “Plantexámolo na UE, reiterámosllo ao futuro comisario, que é necesario que meses acordo de pesca con Mauritania os cefalopodeiros volvan ter posibilidades de traballar”.
No encontro co sector abordouse un amplo conxunto de temas que afectan ao sector. En concreto, o Partido Socialista informou de que reclamou ao Executivo comunitario información sobre o estado das negociacións da UE con Noruega e Illas Feroe con respecto á xarda pois considerou que non se pode volver repetir o conflicto do ano pasado. “É necesario que eses acordos se pechen canto antes e que se realice un reparto xusto e equitativo logo a nivel estatal, en particular entre as artes de arrastre e as artes menores como o cerco”, sinalou Blanco.
Acordos con terceiros países
Ademais de Mauritania, os representantes socialistas incidiron en que van seguir insistindo sobre este acordo, pero tamén con países como Senegal ou Guinea Bissau, transcendentais para a flota galega. Pero tamén que se evite o “dumping social”, e así se lle trasladou á Comisión que é “inviable” que se conceda a Filipinas estatus de SPG+ e, por tanto, acceso privilexiado ao mercado europeo cando é un dos principais competidores da nosa industria no sector das conservas de atún e múltiples organismos internacionais denunciaron incumprimento dos dereitos humanos e laborais.
Prohibición de descartes e obrigación de desembarque
Tamén se abordou a prohibición de descartes e a obrigación de desembarcar todas as capturas. Os socialistas comprometéronse a reforzar o traballo coa nova Comisión para que o desenvolvemento desta norma se faga de maneira “flexible e razoable”.
Etiquetado do mexillón
Finalmente, tamén informaron de o PSOE impulsou iniciativas no PE para garantir que non se produza fraude no etiquetado do mexillón galego.