O debut do Praias de Barreiros en competición oficial tivo lugar nun Pavillón Municipal ateigado de xente que acompañou ó conxunto de fútbol sala no seu estreo en competición oficial.
O conxunto local amosouse moi ben en liñas xerais dende o pitido inicial, buscando o partido presionando a saída de balón do conxunto rival. Esta saída tivo os seus froitos e ó remate da primeira parte o Praias de Barreiros xa gañaba por catro goles a cero. Dous tantos de Borja, un de Ayala e outro de Sergio, un dos xogadores máis activos do conxunto local.
A segunda parte foi un espello da primeira, cun Praias presionando moi arriba para tratar de non deixarlle xogar ó rival. O Cubelas non tivo demasiadas ocasións de gol e viu como Borja redondeaba a súa conta anotadora co seu terceiro gol no partido, o quinto do conxunto barreirense.
Toni Novo, técnico local quixo destacar o bo nivel do conxunto barreirense no seu debut en competición oficial, recordando que: “Os tres primeiros puntos son moi importantes, pero non valen para nada sin os tres da próxima xornada”. Unha segunda xornada onde o Praias de Barreiros se desprazará a Samos, e na que o técnico xa poderá contar coa presencia de David Becerra, a xoven promesa barreirense, unha aposta persoal de Toni.