Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP solicita ao Concello o arranxo dos camiños municipais da concentración de Mondoñedo Norte

Mondoñedo, 15 de outubro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo solicita ao equipo de goberno do Concello, integrado por socialistas e nacionalistas, o arranxo dos camiños de titularidade municipal da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte e que afecta ás parroquias de Masma, Vilamor e Coubeira.

En concreto, os populares locais presentarán unha iniciativa para o seu debate na próxima sesión plenaria, na que instan ao Concello de Mondoñedo a que habilite unha partida orzamentaria, a través de fondos propios ou ao amparo dos plans de infraestruturas de Medio Rural, co obxecto de dirixila ao desbroce e adecuación dos camiños municipais da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte.

Dende o Partido Popular explican que os camiños executados durante a primeira fase do proceso de concentración parcelaria de Mondoñedo Norte, presentan un estado intransitable, que require de actuacións urxentes. Así, os populares matizan que a administración local é a titular destas pistas, tras ser recepcionadas polo actual equipo de goberno durante a época do bipartito na Xunta de Galicia.

Por último, os populares lembran que a administración autonómica está a desenvolver a segunda fase no proceso de execución de camiños secundarios; feito que denota aínda máis o contraste e evidencia o mal estado que presentan as pistas municipais.

Exit mobile version