Lugo, 3 de outubro de 2014. O Teatro de Ribadeo acolle este venres a partir das sete da tarde unha xornada técnico informativa baixo o título Os nosos Montes Comunais, novo marco lexislativo, unha iniciativa posta en marcha conxuntamente pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a Federación Rural Galega (FRUGA), en colaboración coa institución provincial.
O principal obxecto de estudo deste encontro radicará na análise do novo marco lexislativo, introducido pola Lei de Montes de Galicia 7/2012, do 28 de xuño, reguladora da xestión dos montes e de todos os recursos que os mesmos xeran que provoca cambios na fiscalidade, obriga ás comunidades de montes a reinvertir o 40% dos seus ingresos no propio monte e a realizar os deslindes, un procedemento que antes competía á administración.
Así, daranse cita este venres en Ribadeo membros de todas as comunidades de montes da comarca da Mariña para analizar as repercusións que estes cambios legais teñen para o seu funcionamento. Estas xornadas contarán coas intervencións dos enxeñeiros de montes Xabier Bruña e Noemí García; o avogado Patricio Viveiro; o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; o ex director xeral da Consellería de Medio Rural, Antonio Oca, e o presidente da Fruga, Xurxo Álvarez.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, que colabora na organización destas xornadas, destacou a importancia desta xornada técnica en canto “pon enriba da mesa a análise da lei 7/2012 do 28 de xuño, que afecta especialmente aos montes veciñais en man común, polo que, de seguro, resultará moi positiva para as xuntas reitoras e comuneiros de cara a coñecer os novos modelos organizativos aos que teñen que adaptarse tales como a fiscalidade, os deslindamentos, os novos modelos de xestión, ou as novidades substanciais acerca dos montes de convenio ou consorcio, entre outros aspectos”.
Así mesmo, o vicepresidente da Deputación amosou a implicación e compromiso co monte galego que ten adquirido a área de Cultura e Patrimonio Histórico que dirixe, “xa que os nosos montes son un patrimonio natural moi importante e unha fonte de riqueza esencial para Galiza”, e fixo unha chamada á defensa do territorio, solicitando “un maior apoio por parte das administracións públicas e unha maior concienciación, tamén por parte da sociedade, coa sustentabilidade territorial e medioambiental dos nosos montes”. Neste sentido, insistiu en que “no monte en mancomún atopamos algunhas comunidades con proxectos moi interesantes, como por exemplo no concello Ribadeo, no de Trabada ou no de Cervo, que apostan pola diversificación e o aproveitamento, creando emprego, algo máis interesante, se cabe, tendo en conta a situación económica actual. O monte veciñal segue a ter futuro e pode ser unha ferramenta para o desenvolvemento do país”.
949 comunidades de montes da provincia de Lugo
Na provincia de Lugo existen 949 comunidades de montes veciñais clasificadas, o cal en termos de superficie representa 210.667,90 hectáreas, é dicir, o 63.7% da superficie forestal total da provincia. Nunha realidade na que o minifundio resulta unha das grandes trabas para os xestores forestais (a superficie media que xestiona cada propietario forestal sitúase en torno a 1,5 hectáreas, repartidas en varias parcelas) os MVMC resultan a outra cara da moeda, chegando a superficie media dos MVMC na provincia de Lugo ata as 222 ha.
O 23 de xullo do 2012, publicouse no DOGA a Lei de Montes de Galicia, esta lei introduce un novo marco lexislativo nos nosos montes, regulando a súa xestión e o aproveitamento dos recursos que xeran. Este cambio normativo tamén afecta aos MVMC, o que obriga as xuntas reitoras e aos comuneiros a adaptarse a novos modelos en temas tan importantes como a fiscalidade, o deslindamento dos seus montes, os novos instrumentos de xestión forestal e incluso as novidades en canto aos montes en xestión pública.
Por exemplo, entre os cambios atopase a obriga de reinvertir o 40% dos ingresos no propio monte, cando ata o de agora as comunidades de montes veciñais só estaban obrigadas a reinvertir o 15% dos beneficios obtidos. Ao mesmo tempo obrígase ás comunidades de montes a realizar os deslindes, mediante un procedemento obrigatorio, cando ata o de agora a responsable de facer estes deslindes era a propia administración.
Dada a importancia dos MVMC na provincia e a relevancia das novidades introducidas pola Lei de Montes de Galicia dende a Vicepresidencia da Deputación provincial de Lugo e dende a Federación Rural Galega (FRUGA) convócase a esta xornada técnico-informativa e de debate dirixida a calquera comuneiro interesado e sobre todo as súas xuntas reitoras e centrada nos cambios que a aplicación desta lei lles vaia a supoñer as comunidades en canto a levanza das súas comunidades.