Lugo, 15 de outubro de 2014.- O Instituto de Educación Secundaria (IES) Vilar Ponte conta cunha dotación de profesorado suficiente para dar resposta ás necesidades que presenta este centro, que rexistra a ratio de 8,29 alumnos/profesor, unha cifra que o sitúa por debaixo da media que presentan os centros de ensino da comunidade galega (10,3) e tamén da provincia de Lugo.
Na actualidade, o IES Vilar Ponte conta con 45 profesores, tendo en conta que dispón de dous responsables de Pedagoxía Terapéutica e un profesor de Relixión, e presenta unha matrícula de 373 alumnos. O centro ofrece tamén unha proporción de estudantes por docente que o colocan por debaixo de centros semellantes do mesmo concello e da comarca da Mariña.
O instituto conta cuns novos horarios que foron elaborados contando coa participación do profesorado e da inspección educativa. Dende a Consellería de Cultura e Educación agárdase que “a profesionalidade e a vontade” de todos os membros da comunidade educativa do Vilar Ponte faciliten que se leven a cabo con normalidade os horarios deseñados tendo en conta as consideracións dos docentes.
En calquera caso, queda aberto, tal e como marca a normativa, a posibilidade de que o profesorado presente consideracións, que serán revisadas pola inspección educativa.