Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo municipal socialista de Burela acusa ó grupo de goberno do PP de “votar en contra dos veciños”

Por petición do Grupo Municipal Socialista este venres, día 3 de outubro, celebramos un pleno extraordinario para debater un único punto na orde do día:

PROPOSTA DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA PARA QUE A CORPORACIÓN MUNICIPAL ACORDE SOLICITAR UNHA REVISIÓN E ACTUALIZACIÓN DOS VALORES CATASTRAIS QUE SE APLICAN PARA O IMPOSTO SOBRE BENS E INMOBLES (IBI) NO CONCELLO DE BURELA

A actualización catastral é moi necesaria e moi demandada polo conxunto dos veciños de Buela. A lei é clara “ o valor catastral dos inmobles non poderá superar o valor de mercado “. Como a última revisión catastral vixente no Concello de Burela é do ano 2006, en pleno “Boom” inmobiliario, hai razóns de moito peso para realizar unha actualización simultánea dos valores catastrais de todos os bens e inmobles urbanos e rústicos do municipio, coa finalidade de adecualos ós valores do mercado e concordar as características físicas e xurídicas á realidade.

O propio Ministerio de Facenda e Administracións Públicas recoñece que os prezos baixaron substancialmente dende entón, e neste mesmo ano moitos concellos solicitaron e foron aceptadas as revisións para valorar á baixa os seos valores catastrais.

O valor catastral é un referente de carácter tributario para recadación de diversas cuestións impositivas das administracións estatal, autonómica ou local. O Imposto sobre Bens e Inmobles (IBI) é un imposto local que recolle como base impoñible o valor catastral.

En Burela dende o ano 2006 estase incrementando un dez por cen anual dita base impoñible, e non se culmina este proceso de suba ata o ano 2017. como esta situación non se modula coa realidade económica e social actual, non é xusto que siga a ser a referencia para pagar o IBI, o que obriga a realizar unha revisión o antes posible, para que poida servir como referencia para o ano 2015. Si ademais hai que actualizar estes valores á situación creada pola aprobación do plan xeral a urxencia está máis que demostrada.

Pero no pleno extraordinario o Grupo Municipal do PP votou en contra da proposta socialista. Por que?

a/ O pasado xoves día 25 celebramos un pleno ordinario e no transcurso deste pleno, o Grupo Socialista manifestou a súa intención de solicitar unha revisión catastral. As razóns que xustificaba a revisión foi enviada ós medios de comunicación.

b/ Isto, non sabemos as razóns, sentou moi mal ó alcalde, que manifestou que non eramos quen para facer tal solicitude, amosando enfado manifesto por ser, nós, os que propoñemos a iniciativa.

c/ Con rexistro de saída do venres día 26, o alcalde manda unha carta dirixida ó Xerente Provincial do Catastro indicándolle que o Concello de Burela ten intención de levar a cabo unha revisión dos valores catastrais dos inmobles e solicítalle información sobre o procedemento a seguir. Deseguido manifesta, tamén nos medios, que o Grupo Socialista vai a remolque por que xa mandou el a solicitude, e non temos por que pedir un pleno extraordinario.

d/ Pero a causa real (e triste) de votar non a esta proposta é, sen dúbida, a de non recoñecer iniciativa ou valor á oposición, querendo quedar o señor alcalde como único elemento protagonista das iniciativas municipais, demostrando que lle importa máis esta cuestións, a de ser protagonista, que os intereses lexítimos dos veciños de Burela.

O Grupo Municipal Socialista fará un acto público para explicar a necesidade de actualizar o catastro, a situación do imposto sobre bens e inmobles (IBI) e de como afectou a aprobación do plan xeral neste tema.

Alfredo Llano García. Voceiro do Grupo Municipal Socialista

Exit mobile version