Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello tramita descontos de ata o 50% para os estudantes laurentinos que se despracen aos seus centros de ensino en autobuses da empresa Arriva

Lourenzá, 28 de outubro de 2014.- A Concellería de Educación do Concello de Lourenzá anunciou hoxe que xa está a tramitar os bonos desconto para todos aqueles estudantes que se despracen aos seus centros de ensino en autobuses pertencentes á empresa Arriva. Os descontos irán dende o 15 por cento de rebaixa para os bonos de 10 viaxes ata o 50 por cento nos bonos de 60 desprazamentos. Ademais, como novidade este ano, as axudas poderán aplicarse a todo tipo de estudantes e non só a universitarios, como viña sendo habitual. A validez dos bonos tamén varía e estes pasan a ser útiles durante todo o curso escolar, caducando o 31 de xullo do 2015 e non aos tres meses coma ata o de agora. Os interesados poden solicitar xa os seus descontos na Oficina de Información Xuvenil, situada na Biblioteca Municipal, en horario de 17:00 a 20:00 horas, presentando o seu DNI e a información referente á ruta que realizan.

A concelleira de Educación de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, explicou que “na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) tramitamos xa os bonos para estudantes do concello de Lourenzá que fagan algunha ruta coa empresa de transportes Arriva. Ata o de agora estes bonos eran só para estudantes universitarios, pero houbo unha serie de modificacións en canto aos importes e a validez de ditos bonos. Agora, como novidade principal, poderaos solicitar calquera estudante. Non ter que ser universitario, senón que vale con que estea cursando calquera tipo de estudos de Bacharelato, FP ou outros, sempre e cando estas viaxes se fagan coa empresa Arriva”.

A edil destacou que “os bonos de 10 viaxes terán un 15 por cento de desconto; os de 20 viaxes, un 25 por cento; os de 30 viaxes, un 35 por cento; e os de 60 viaxes, un 50 por cento. Outra das novidades é que a caducidade destes bonos, que ata o de agora era de 3 meses dende a data en que se solicitaban, pasa a vencer o día 31 de xullo de 2015. Polo tanto, son bonos que se poden gastar ao longo de todo o curso escolar. Isto é unha gran vantaxe, xa que ao non ter esa caducidade toda a xente que non viaxe tan a miúdo ten a opción de conservalos ata finais de curso. Por outra banda, para a tramitación dos mesmos só precisamos que os estudantes se acheguen, se son menores de idade en compañía dun proxenitor ou titor legal, á biblioteca municipal en horario de 5 a 8 da tarde. A documentación que deberán presentar é unha foto de carné e a información pertinente da ruta da viaxe que realizan coa empresa Arriva”.

Exit mobile version