O Concello de Ribadeo ven de presentar un documento de 16 páxinas de alegación ó documento preliminar do “Plan de conservación do Monumento Natural da praia das Catedrais-Augasantas” no que avoga, entre outras cousas, poder conciliar a conservación e preservación de todo o patrimonio natural coa dinamización económica local, en base a un desenvolvemento sustentable.
O documento, con data de 10 de outubro, inclúe dous anexos: un sobre a importancia xeomorfolóxica da costa entre As Catedrais e a Illa Pancha e outro sobre o patrimonio arqueolóxico que reforzaría os valores do propio parque natural.
O Concello recorda que o Pleno da Corporación aprobara por “amplísima” maioría en setembro do 2013 instar á Xunta a cumprir coas súas obrigas de conservación do espazo natural da praia de As Catedrais onde se recollía a tramitación de declaración de Parque Natural á franxa ata Illa Pancha; así coma a conciliación desta protección con medidas de uso e xestión no entorno de cara a un aproveitamento socioeconómico sostible.
Polo tanto, valoran “positivamente” este paso “necesario para atender a problemática e carencias de conservación e xestión que tanto precisa o Monumento Natural das Catedrais”.
Pola contra, cren que “as medidas propostas quedan enfranquecidas no momento de tratar os aspectos socioeconómicos e a realidade que o espazo xoga na dinamización turística do lugar e de todo o concello de Ribadeo”.
Por outra banda, o Concello de Ribadeo reivindica o “xeoparque da costa de Ribadeo”, un Parque Natural baseado nos seus “valores xeomorfolóxicos”. Nese sentido, o documento achega un anexo coa colaboración do especialista en arqueoloxía local, Luís Cordeiro, que da conta do patrimonio arqueolóxico que “reforzaría os valores do propio Paque Natural”. Trátase de catro castros -o das Grobas (Vilaselán), Piñeira, Meirengos (A Devesa) e Os Castros (A Devesa); o asentamento romano de Esteiro e o xacemento de Torre Vella. Polo tanto, cren dende o Concello de Ribadeo que o conxunto da costa dende As Catedrais ata Illa Pancha merece unha “atención preferente”.
Ademais, vincular produtos de gandería e agricultura ecolóxica á imaxe do Parque Natural “pode reportar unha actividade económica secundaria e complementaria, pero tamén pode constituír o impulso para explotacións viables económicamente e, á súa vez, xeradoras dun valor ecosistémico e paisaxístico que redunde no mantemento do entorno”.