Burela, 3 de outubro de 2014. Os concelleiros de Deportes e Obras, Beatriz Piñeiro e Manuel Fernández Valle, supervisaron este venres as obras que o Concello está a realizar nas instalacións deportivas de A Marosa. Alí estase a executar o saneamento e o bombeo dos novos vestiarios, o pintado dos peches perimetrais das pistas de pádel e de tenis, o pintado da cuberta e das persianas da parte do bar do campo de fútbol e doutras dependencias e tamén o mantemento anual do campo de fútbol de herba artificial.
Fernández Valle subliñou que “desde o equipo de goberno estamos a apoiar ao deporte do noso concello, estamos a coidar o patrimonio municipal e estamos a manter as instalacións de A Marosa en perfecto estado, o que as converte nun referente non só na Mariña senón na provincia de Lugo”. Beatriz Piñeiro indicou que “dixemos que iamos realizar unha actuación importante nas instalacións deportivas de A Marosa e aí estamos”.
Os veciños e as veciñas de Burela contan en A Marosa con 3 campos de fútbol, un deles de fútbol sete; dúas pistas de tenis; unha pista de pádel; e instalacións complementarias como dobre vestiario, ademais dos novos que se están a realizar; e tamén locais para almacenamento de diverso material.