Barreiros, 14 de outubro de 2014. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, visitou supervisou as obras de mellora da canalización de auga que se están a levar a cabo na zona de Moás, na parroquia de San Pedro de Benquerencia. Os traballos servirán para substituír as actuais tuberías, por unhas máis amplas que doten aos veciños dunha maior capacidade de abastecemento. Entre os beneficiarios das obras atópanse os propietarios de varias urbanizacións situadas nas inmediacións da praia de Benquerencia, así coma os usuarios do cámping.
O responsable municipal explicou que “na parroquia de Benquerencia estase a levar a acabo esta obra de mellora na canalización de auga, xa que a canalización que baixaba cara a zona de Moás, camiño da praia de Benquerencia, tiña unha sección de 63 mm e se está a substituír por unha de 200 mm para ter máis capacidade. Esta conéctase na rede xeral que ven dende San Cosme ata San Miguel, e aí se vai a conectar esta nova tubería que vai a dar servizo a toda esa zona da costa. Aí temos un cámping e unha serie de urbanizacións, e o que se fai é ampliar a capacidade de abastecemento”.