Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros pide que “o transporte gratuíto dende as parroquias que se vai poñer para a Comida dos Maiores se manteña todo o ano”

Barreiros, 3 de outubro de 2014. O BNG de Barreiros mostrouse crítico coa convocatoria da comida para maiores que o concello barreirense convoca para o vindeiro 11 de outubro. “Non cremos que sexa casualidade que a última comida que organizaran fora no 2010, xusto o ano antes das anteriores eleccións municipais”, aseguran dese o BNG. “Despois desas houbo outras comidas dirixidas ao mesmo público, incluso coa mesma tipoloxía na convocatoria (tal e como xa denunciara daquela o BNG), que foron convocadas polo Partido Popular”, explican. Os nacionalistas preguntan “cál é a diferenza entre a comida do 2011 á que acudiu Alfonso Rueda e esta comida convocada agora polo concello.”

A formación nacionalista acusa ao Partido Popular de actuar “sen ningún tipo de escrúpulo, mentindo deliberadamente sobre a situación económica do concello. O luns que vén hai pleno e vai a aprobación da conta xeral do 2013, na que se reflicten os resultados orzamentarios negativos. A única razón para convocar esta comida, con autobuses gratuítos polas parroquias, é que o ano que vén hai eleccións”, aseguran os nacionalistas.

Desde o BNG barreirense cren que “o normal sería que se a situación económica mellorara, que non é certo, se adoptaran medidas sociais reais: axudas, redución de custes do servizos sociais como a atención a domicilio, ou a posta en marcha do servizo de transporte gratuíto desde as parroquias durante todo o ano, que puidera facilitar a asistencia das persoas ao centro de saúde, farmacias e outros servizos que hai en San Cosme.” Desde o BNG recordan que esta é unha medida que os nacionalistas recollían no seu programa electoral e que as persoas maiores agradecerían moito máis que unha simple comida anual. Neste sentido, o BNG defenderá esta proposta no pleno municipal que se celebrará o vindeiro luns.

A portavoz municipal en Barreiros, Ana Ermida, afirmou que “o BNG non vai participar dun acto electoral para gloria do PP pagado con cartos de todas e todos. E menos, nun concello que ten unha débeda recoñecida de 2,5 millóns de euros e que vai estar pagándoa ata o ano 2032. Un concello no que o prezo dos servizos sociais se multiplicou nos últimos anos e as persoas maiores están totalmente esquecidas polo goberno municipal e son utilizadas como mercadoría electoral”, concluíu.

Exit mobile version