A Mariña, 15 de outubro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego manifestou o seu apoio e anunciou a asistencia dos seus representantes á manifestación convocada pola ANPA do IES Vilar Ponte de Viveiro este xoves ás 19.30 horas.
Os nacionalistas consideran que “é de xustiza apoiar todas as reivindicacións que vaian no sentido de garantir a calidade do ensino público, pero tórnase imprescindíbel trasladar este apoio cando a resposta que está obtendo a comunidade educativa son continuas ameazas por parte da Consellería.” A responsábel comarcal nacionalista quixo “trasladar o apoio e solidariedade do BNG a todas as nais e pais que loitan incansablemente na defensa do ensino público e, nomeadamente, ás dúas nais que foron denunciadas pola dirección do centro co beneplácito da Consellaría, nun acto de absoluto desprezo cara ás reivindicacións de nais, alumnado e profesorado e que denota a falla de vontade para resolver os problemas do goberno do Partido Popular.”
Desde o BNG, a través do seu Parlamentario Cosme Pombo, que tamén asistirá mañá á manifestación en Viveiro, rexistraron preguntas e proposicións non de lei para o seu debate no Parlamento. Nelas o BNG lamenta a actuación da Consellería neste caso, creando inicialmente o problema e incumprindo o compromiso acadado coa dirección do centro e actuando posteriormente de xeito despótico ao nomear unha nova dirección sen escoitar á comunidade educativa e perseguindo e criminalizando ás nais que defenden a dotación do profesor 43 para o centro.
Desde o BNG consideran que o papel da Consellería e do Partido Popular e, en concreto da delegada de educación e concelleira do PP en Viveiro, Mariña Gueimunde, “é de absoluto desprezo cara as necesidades do centro, decidindo unilateralmente as medidas a adoptar e sen contar coa opinión de nai, pais, profesorado e alumnado.”
O BNG pídelle a Mariña Gueimunde que “como responsable de educación e como representante das veciñas e veciños de Viveiro se sente a falar coa comunidade do IES Vilar Ponte e faga o que este na súa man por solucionar o problema, evitando os conflitos que están creando coa actitude do Partido Popular que prefire pechar filas na defensa do seu partido que na defensa do interese xeral.”