O presidente da asociación, Miguel Souto, lembrou que o venres “demos a coñecer as actividades previstas para este ano no mesón Terras Galegas de Gijón nun acto no que participaron representantes de diferentes entidades gastronómicas de Asturias”.
Souto resaltou a importancia de traballar na dirección de potenciar o turismo de proximidade a través deste tipo de festas, e máis tendo en conta que “son moitos os asturianos que ano tras ano visitan a localidade durante a celebración das San Lucas”.
A maiores, a presentación en Santiago de Compostela tivo lugar o sábado no Mercado de Abastos da capital de Galicia, un lugar ao que Souto cualificou de “emblemático e moi vinculado coas San Lucas, xa que estas feiras nacen con esta finalidade, coa de mercadear, trocar, vender..; e que co tempo se converteron en cultura e tradición”.
Durante este encontro, o presidente da asociación resaltou a historia da que é a feira máis antiga de Galicia, e unha das que conta con maior tradición en Europa e que se leva celebrando dende o ano 1156.
“Esta tradición segue a pervivir no século XXI e é necesario continuar a traballar para achegar este encontro fóra da provincia e que día a día As San Lucas continúen a ser un referente e unha feira con maiúsculas”.