Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo acollerá a semana que vén o IX Foro por un Mundo Rural Vivo

A cidade de Mondoñedo (Lugo) acollerá o IX Foro por un Mundo Rural Vivo baixo o lema “Bens comúns, loitas e resistencias para a defensa dos nosos territorios. Alicerzando a proposta labrega coa mocidade nas nosas agras” durante os días 24, 25 e 26 de outubro de 2014. Convocado pola Plataforma Rural, nesta ocasión o Sindicato Labrego Galego oficiará como organización anfitrioa e coorganizadora do evento.

Para seguir fortalecendo o noso movemento pola soberanía alimentaria, as xentes e organizacións que traballamos en favor dun mundo rural vivo agasallámonos con tempo, espazo de encontro e convivencia para algo tan importante como ilustrar o debate e a reflexión. Este foro vainos permitir abordar novos e importantes desafíos. Entre eles, queremos destacar o papel das mobilizacións que, en tantos pobos, están a levarse a cabo para protexer a nosa soberanía na xestión e control dos bens comúns. Só así poderemos manter as nosas agriculturas locais, esas que manteñen vivos ecosistemas e territorios ao tempo que alimentan ao mundo.

Será tamén un bo intre para abordar dous temas centrais nas nosas paisaxes humanas: por unha banda, para visibilizar e coñecer as achegas dos feminismos na tarefa de facer terra labrega, xerme de homes e mulleres en igualdade; e, por outra banda, un marco onde fortalecer a presenza de xente moza nas nosas aldeas con vocación labrega, esa desexada re-volta ao campo cargada de forza, valores e ilusión.

Dende o Sindicato Labrego Galego animámoste a participar no IX Foro por un Mundo Rural Vivo. Trátase dun acontecemento que se celebra cada dous anos e no que se dan cita un importante número de persoas e organizacións implicadas na loita polo mundo rural e a soberanía alimentaria. Ademais, neste 2014 temos o privilexio de acollelo na Galiza. En palabras do noso coordinador na Mariña, Antón Villarino “será un evento enriquecedor e formativo que favorecerá o contacto, o traballo e a convivencia con xentes que, desde outras latitudes (xeográficas, metodolóxicas, ideolóxicas…), están a apostar por proxectos que procuran obxectivos semellantes aos que defende o Sindicato Labrego Galego”.

Máis información e programa en: http://www.plataformarural.org/index.php?option=com_content&view=article&id=206&Itemid=208.

Exit mobile version