Site icon Crónica3.com A Mariña

Juanlu, trala derrota na Copa do Rei: “O pan noso de cada día é a Liga e non podiamos asumir riscos”

O Burela FS Pescados Rubén caeu este martes nos dezaseisavos da Copa do Rei ante o CD Mosteiro Bembrive (5-4), de Segunda B, tendo que recorrer á prórroga despois do empate 4-4 no tempo regulamentario. O equipo mariñán non quixo correr riscos para a competición ligueira e acudiu á cita sen Isi e Miguel e con reforzos canteiráns: “O pan noso de cada día é a liga e non podiamos asumir riscos para o sábado. A Copa é unha competición bonita e gustaríanos gañar pero sen condicionar o próximo partido” puntualizaba o técnico laranxa, que a pesar do resultado tamén extraía unha nota positiva. “Foi unha experiencia boa para os xogadores máis novos, que non están acostumados a competir a este nivel de esixencia e nun ambiente hostil”.

Tras rematar o primeiro período en táboas (1-1) con goles por ambos os bandos no minuto 12, de Mario –polos locais- e Matamoros, o Burela FS Pescados Rubén púxose por diante no 30, de Jorge Bellvert, aínda que as imprecisións non lle deron marxe de manobra. “Faltounos certa experiencia nalgúns momentos nun partido típico de Copa, ante un rival moi motivado e sobreexcitado. Unha perda de balón desencadeou no empate 2-2 (minuto 35) e a partir de aí o partido volveuse tolo” explicou Juanlu. Deste xeito, o Bembrive ampliou distancias no 36 e no 39 (dobre penalti), aínda que o olfacto goleador de Matamoros puido recuperarse con dobre aparición antes de cumprirse o tempo regulamentario.

Na prórroga, os vigueses anotaron o tanto da vitoria a falta de 30 segundos para o remate, cun disparo do meta local cando o Burela FS Pescados Rubén apostaba polo porteiro-xogador.

Ficha técnica
CD Mosteiro Bembrive: Eloy, Jaco, Mario Kele, Berni, Mario –cinco inicial-. Tamén xogaron Bruno, Borra, Nene, Carlitos, Murga, Yoni

CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Jorge, Iago Míguez, Ángel –cinco inicial-. Tamén xogaron Chano, Carlitos, Antoñito, Renato, Hélder

Goles: 1-0, minuto 12, Mario; 1-1, minuto 12, Matamoros; 1-2, minuto 30, Jorge Bellvert; 2-2, minuto 35, Carlitos; 3-2, minuto 36, Carlitos; 4-2, minuto 39, Nene (doble penalti); 4-3, minuto 40, Matamoros; 4-4, minuto 40, Matamoros (doble penalti); 5-4, minuto 45, Eloy

Árbitros: Montero Garrido // Martínez Torres

Exit mobile version