Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña asisten este martes a unha mobilización en Santiago

A Mariña, 27 de outubro de 2014. O colectivo de emigrantes retornados da Mariña asistirá mañá martes, 28 de outubro a unha mobilización convocada pola Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados, no medio do debate que se está producindo nas Cortes xerais do Estado sobre a modificación da lei 35/2006 de 28 de novembro. A mobilización coincide co debate no Parlamento Galego dunha Proposición de Lei presentada polo BNG para equiparar a obriga de declarar en 22.000 euros independentemente da existencia dun ou mais pagadores, un cambio lexislativo que beneficiaría tanto a pensionistas retornados con pensións públicas de varios estados, mais tamén a persoas en activo que pola situación laboral teñen nun mesmo ano mais dun empregador.

O colectivo mariñao trasladarase nun bus e por medios propios convocado, xunto coas outras 17 plataformas galegas, pola Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados. Fan un chamamento a tod@s @s emigrantes galegos retornad@s para participar masivamente na manifestación, que se vai celebrar en Compostela, mañá martes, día 28 de outubro a partir das 11h da mañá, con saída da Alameda e remate diante do Parlamento de Galiza, onde nos concentraremos, para entregar un documento, coas nosas reivindicacións ao Presidente da Xunta, a entrega de sinaturas, recollidas por todas as Plataformas que conformamos a Coordinadora Nacional Galega de emigrantes retornad@s, e para rematar, lerase un manifesto.

Son máis de 250.000 os emigrantes galeg@s retornados con pensións de Países Estranxeiros, que continuamos a recibir da Axencia Tributaria Española, a comunicación con carácter retroactivo, que nos obriga a ter que facer a declaración de cinco anos: 2008/2013, e a multas e xuros.

Con esta manifestación os emigrantes retornados queren solicitar que no paquete de modificacións legais se inclúan as modificacións na Lei 35/2006, necesarias para garantir un trato igualitario. Concretamente, o artigo 96 en relación co 17, de tal forma que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000€/ano de ingresos, e que para os restantes se estableza un réxime de retencións idéntico ao do resto das e dos pensionistas do Estado Español.

Os emigrantes retornados reclaman para eles un trato xusto e igualitario, asemade coa entrega de sinaturas, solicitan do Goberno do Estado Español:
– A modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados. Para que se cumpra co principio de igualdade, modificando a Lei 35/2006, para que as súas pensións sexan iguais que a do resto das galegas e galegos.
– Non ao carácter Retroactivo.
– Recoñecemento de oficio das pensións de Invalidez, recoñecidas, nos países de procedencia.
– Que a Axencia Tributaria inicie unha campaña de información á cidadanía e persoal a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras.
– Revisión dos convenios marco con outros Países, para evitar que situacións deste tipo, poidan volverse a producir.
– Devolución por Oficio de todo o pagado e os seus intereses.
– A anulación de todos os expedientes. Borrón de todo. Volta a empezar a partires de 2014 e trato igualitario e xusto entre xubilad@s. Fóra lei “dous pagadores”.
– Desculpas e devolución da honra aos Emigrantes Retornados.

Exit mobile version