Preservar o carácter e o patrimonio histórico e estético dunha comunidade proporciona sensación de pertenza e continuidade, e de amor ó que nos caracteriza e singulariza. Toda actuación urbanística ou social, allea a estes postulados, son negadores dos valores culturais, das vivencias colectivas de xeracións precedentes e da ensinanza que para as sucesivas pode ser o labor desenvolvido polos devanceiros, con evidente empobrecemento.. Exemplos hai de cidades e vilas , respectuosas co pasado e coas sinais de identidade que a obra material ou inmaterial das xentes deixou cal testemuña do seu paso polas terras que amaron, pero que xa non son as mesmas porque, a inexorable evolución, imparable, transforma as realidades vitais ata convertelas noutras que nos resultan irrecoñecibles. Na banda oposta atópanse as actuacións de quen, sen miramentos nen consideración ós valores apuntados; é decir, carentes da precisa sensibilidade, actúan como depredadores dos devanditos valores, a veces imperceptibles para quen ostentan a gobernación e que marcan a lamentable pauta na marcha cívica dos pobos, e en ocasións, non sen razón, fálase do conveniente de “humanizar” o que a barbarie institucional masacrou previamente. Esta realidade é mais frecuente do desexable… A elucubración que antecede sirve de introito ó feito que en Foz estamos a vivir: o carismático e histórico Cine Cageao que durante trinta anos (ata o 63), fora marco, non só das proxeccións do cinema, senon de incontables actos culturais, literarios, folclóricos, teatrais, sociais, lúdicos etc., que dende haj 50 anos tivo continuidade en novo emprazamento; afastado de tal función, recupera o obxetivo cultural que o inspirara hai 80 anos; troque realizado dende o respecto ós seus orixes (1935), elementos constructivos, a estética e singularidade. Contrapunto ó que se víu facendo sobre todo dende a tolemia urbanistica dos últimos 20 anos. En adiante ocupará tan senlleiro lugar a Librería Bahía que, cincuentenaria, enceta nova singradura co acceso á mesma da segunda xeneración…
Suso Fernández