Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza o curso da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo con 312 alumn@s

Ribadeo, 15 de outubro 2014. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vén de iniciar o curso 2014/2015 con 312 alumnos e alumnas matriculados de entre 4 e 70 anos, a cifra máis alta dos 20 anos que a EMMeD de Ribadeo leva en funcionamento.

O claustro docente da EMMeD de Ribadeo estará formado por 14 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, o que garante que o alumnado disporá dunha “atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que imparte a Escola”.

Hugo García Presno, director da EMMeD de Ribadeo, amosou a súa “satisfacción polo alto número de persoas matriculadas o que demostra que o traballo que se está facendo dende a Escola estase percibindo como positivo por parte do alumnado que repite e mesmo anima a novas alumnas e alumnos a formar parte do centro”.

Logo dos actos de conmemoración do 20 aniversario que se celebraron o curso pasado, este ano a Escola mantén boa parte das súas actividades extraescolares máis clásicas. “Os festivais de Santa Cecilia, Nadal ou fin de curso, os concertos didácticos, as audicións, a charanga, etc, queremos ir realizando actividades puntuais, que se irán dando a coñecer nos próximos meses, que deixen constancia do traballo que facemos na Escola e que permitan amosar á cidadanía o que se realiza dentro das aulas”, sinala Hugo García.

“Despois de 20 anos de escola o máis positivo é seguir mantendo o proxecto, artellar un centro vivo no que se fomente unha educación transversal, no que as alumnas e alumnos non só aprendan conceptos musicais teóricos senón que podan amosalos enriba do escenario, compartir experiencias con outras escolas, participar en actividades que vaian máis aló da música que axuden a integrar a igualdade, a solidaridade ou o traballo en común no día a día da EMMeD”, engade o director da EMMeD de Ribadeo.

Hugo García agradeceu o apoio tanto do “claustro da Escola como da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo. É clave o apoio institucional, sobre todo en momentos de incertidume económica, para poder tirar cara adiante co proxecto da Escola e a súa actividade e tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que teñan vontade de levalo acabo”.

Exit mobile version