Cervo, 15 de outubro de 2014- O Concello de Cervo anuncia que neste curso escolar volverá outorgar axudas ás entidades educativas a través dunha liña de subvencións que se mantén no tempo. En concreto, este apoio vai dirixido aos colexios (o de Cervo e o de San Ciprián), o instituto Marqués de Sargadelos e as respectivas ANPAS destes centros.
En total, o goberno local ten previsto repartir 7.500 euros entre estas entidades, que poderán destinar estes fondos a diferentes actuacións; por unha banda poderán sufragar actividades educativas, recreativas e culturais ou calquera outra que vaia dirixida á comunidade escolar; pero tamén gastos xerais de funcionamento, conservación, mantemento ou reparacións menores. En definitiva, todas aquelas iniciativas ou proxectos que beneficien directamente aos alumnos ou por extensión á comunidade educativa.
Os centros e as ANPAS teñen de prazo ata o 6 de novembro para presentar as solicitudes acompañadas da documentación.
A edil de Educación, Pilar Armada, asegura que con esta subvención “pretendemos apoiar a educación, fomentar a organización de actividades e a realización de iniciativas que vaian máis alá da actividade académica habitual”.
Ao mesmo tempo, Armada lembra que esta é unha das moitas liñas de axuda a nivel educativo que concede o Concello. “Neste caso pensamos na escola e na comunidade educativa, pero tamén destinamos fondos para as familias, que se poden beneficiar das subvencións para transporte escolar, cuxo prazo está aberto ata o 31 de outubro, ou para material e libros en educación infantil”.