Cervo, 3 de outubro de 2014- O Concello de Cervo avanzou hoxe algunhas cifras dos orzamentos de 2015. Un dos importes máis destacados é o que se destinará á creación e fomento do emprego, que ascende a 522.500 euros.
Neste dato inclúense, por exemplo, as medidas de apoio ao emprego xuvenil, tanto as prácticas no Concello e empresas para mozos titulados como a formación dual. Cabe destacar que se trata de dous programas complementarios dirixidos a perfís diferentes.
No caso das bolsas remuneradas para mozos que estudaron en Galicia ou en Asturias (a través de FEUGA ou a Fundación Universidad de Oviedo), o Concello destinará 100.000 euros no 2015, mantendo a mesma contía que no ano 2014. Desta maneira, en dous anos e medio o Concello terá destinado 235.000 euros a ofrecer prácticas a mozos con estudos e darlles así a súa primeira oportunidade laboral remunerada.
Outra das iniciativas de fomento de emprego para a xuventude é o programa de formación dual, que botou a andar a esta semana. Neste caso o funcionamento é diferente xa que os participantes, 15 mozos menores de 30 anos, reciben formación mesturada con traballo efectivo remunerado. Neste caso, no 2015 destinaranse 90.000 euros, ademais das achegas que fan outras administracións, como son a Xunta e o Goberno do Estado. Desta maneira, entre as bolsas a titulados e a formación dual, o Concello dedicará 190.000 euros ao fomento do emprego xuvenil.
Ademais, tamén cabe salientar a partida para o persoal do GES, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal, que implicará un gasto para as arcas cervenses de 236.000 euros e que xa vén funcionando dende o 2013, polo que se mantén un servizo moi importante. Ao mesmo tempo, haberá novas contratacións para facer fronte a novos servizos, como é o caso do mantemento e funcionamento dos saneamentos de San Ciprián, Cervo, A Senra e Trasbar para o que se inclúen uns 96.500 euros. Polo tanto, os orzamentos de 2015 “son unha aposta firme e decidida polo emprego, pola xuventude e polos servizos de calidade”, remata a edil de Facenda, Yolanda Pedreira.