A voceira lembrou que o socialista esta mañá fixo alarde de “cinismo político”, ao comparar o funcionamento da Deputación co do Parlamento de Galicia e ao “esixir o que el non fai na administración lucense”. “Na Deputación o grupo da oposición non só non é escoitado; senón que se nos dificulta de maneira constante o noso traballo de control e fiscalización”.
Non se reúne coa oposición
Candia exemplificou a “hipocrisía” posta de manifesto por Besteiro á hora de demandar reunións periódicas coa oposición tendo en conta que a práctica que profesa na Deputación “non é o mellor exemplo de respecto aos dereitos da oposición” e máis tendo en conta que no que vai de ano “só tivemos convocatoria directa do presidente nunha ocasión, e visto o resultado da mesma, era máis propia dun instrumento para acadar un titular político, que dunha reunión de traballo para escoitar á oposición ou para resolver os problemas dos lucenses”.
Evita responder
“Estamos ante un presidente que se pon de perfil ante os problemas dos veciños” explicou a voceira do GPP, quen dixo que “o socialista non é nin quen de responder as preguntas plenarias que van dirixidas directamente ao presidente provincial”. “Sempre relega esta función no voceiro socialista na Deputación, que é o máis claro exemplo do que é a falta de respecto á oposición”.
Non contesta en cinco días
Candia dixo que Besteiro falta á verdade ao asegurar que lle facilita á oposición á información en menos de cinco días. “No que vai de 2014, pedimos ver máis de 201 expedientes, dos cales temos pendentes preto da metade, e non se nos dá acceso á documentación neste prazo; o único que se nos remite nestes cinco días é unha convocatoria de Actas na que se nos comunica se foi admitida ou non admitida a nosa solicitude”.
Así, a voceira dos populares exemplificou que “temos comunicado o acceso para estes días dun expediente cuxa solicitude se tramitou o cinco de maio”, tento en conta, a maiores que, “hai informes que pese a reiteralos en varias ocasións nunca se nos foi permitido o seu estudo e análise”.
O que dixo o Valedor do Pobo
Candia tamén lembrou que existe un informe do Valedor do Pobo no que lle pide á Deputación de Lugo que mellore a súa práctica no terreo da transparencia e con elo o nivel de detalle informativo dos decretos de ordenación de pago.
Polo tanto, “este comunicado non é ningún aplauso por parte do Valedor do Pobo á súa transparencia”, tal e como “quixo facer ver esta mañá”.
Limita o acceso á información como castigo ao GPP
A voceira do Grupo Provincial do Partido explicou que “tras facermos públicos aspectos da súa xestión que non lle gustaron, Besteiro restrinxiunos máis o acceso á información”. “Denunciamos o pago de facturas de comidas a sindicalistas, e a raíz disto encripta o concepto polos que se realizan os pagos”, exemplificou Candia; quen enumerou tamén que “tras facermos público o procedemento do alleamento das accións do Breogán, limitóusenos o acceso aos expedientes dos asuntos das Xuntas de Goberno”.