Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro: “A sentenza sobre o Porto Deportivo de Viveiro respalda o rigor da Xunta para velar pola mellora dos servizos portuarios”

Santiago, 14 de outubro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, sinalou que a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo que condena ao Concello de Viveiro pola mala xestión das instalacións do porto deportivo, cando estas eran unha concesión municipal, “respaldan a liña de traballo que con rigor e profesionalidade seguiuse desde Portos de Galicia para velar pola mellora dos servizos portuarios que se lle prestan aos seus usuarios”.

Así o asegurou o deputado popular no transcurso da Comisión de Pesca do Parlamento galego que tivo lugar esta tarde e na que o Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, aclarou varios aspectos do contido desta sentenza. Así, amosou a súa satisfacción, compartida polo Grupo Popular, polo aval xudicial ao traballo que se desenvolveu desde a Administración autonómica e que consistiu fundamentalmente en dar por caducada a concesión, feito que aconteceu no ano 2011, e poñer en marcha un novo concurso, para garantir a calidade do servizo.

PEDIR PERDÓN
En primeiro lugar, José Juan Durán indicou que a Xustiza declara textualmente “a inexistencia de responsabilidade patrimonial de Portos de Galicia” e, en segundo lugar, a sentenza atribúe dita responsabilidade patrimonial aos usuarios que adquiriron un amarre á concesionaria do porto deportivo, a sociedade Turviveiro e ao Concello de Viveiro

Balseiro foi máis lonxe e asegurou que o Goberno local, “ademais de facer fronte ás indemnizacións de xeito inmediato, tería que pedir perdón aos usuarios do porto deportivo e asumir a súa incompetencia, pola que case malogran unhas instalacións básicas para a promoción turística do municipio”.

GARANTIR O BO FUNCIONAMENTO
O deputado popular subliñou tamén que, como consecuencia da relación de incumprimentos nos que incorreu o Concello e a falta dos investimentos comprometidos, o Goberno galego viuse obrigado a actuar para garantir o bo funcionamento da concesión.

“Portos de Galicia, como outorgante da concesión, ten a obriga de velar polo respecto das condicións que a suxeitan e así o fixemos. Mantivemos en todo momento o control e supervisión sobre o funcionamento desta concesión e cando tivemos constancia de irregularidades actuamos, como era a nosa responsabilidade”, asegurou Jose Juan Durán

“Ademais, en aras da maior transparencia da acción da Administración Pública, Portos de Galicia e en concreto eu mesmo, comparecín ante esta Comisión en varias ocasións para dar explicacións sobre o proceso de caducidade desta concesión”, sinalou Durán.

Exit mobile version